Partido Popular de Lugo

A Deputación de Lugo deixou sen executar durante 2013 preto de 60 millóns de euros

Lugo, 25 de setembro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular manifestou esta mañá en comisión informativa a súa abstención á proposta do equipo de goberno sobre a aprobación da Conta Xeral do Orzamento correspondente ao ano 2013.

O informe, segundo explican os populares, evidencia que os socialistas e nacionalistas da administración provincial deixaron sen executar durante 2013 preto de 60 millóns de euros (57.172.553 euros).

O estado definitivo dos presupostos de gastos prevía créditos por 139.943.000 euros, mentres que as contas desprenden unhas obrigacións recoñecidas por importe de 82.770.447 euros. Polo tanto, o 41% do presuposto de gastos “non se rendibiliza”.

Deficiente xestión económica

Deste xeito, os populares na Deputación de Lugo alertan dunha “deficiente xestión económica, que implica un insulto en momentos de imperiosa necesidade coma o é o actual”. 

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular reproban, a maiores, que este baixo grao de execución se está a dar por parte da Deputación, cando a administración provincial está a incumprir as súas obrigacións de financiamento dos servizos sociais municipais básicos, entre outras.

Aprazamento do gasto de cara ás municipais

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular explican, a maiores,  que este “presunto aforro” do que presumen socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo durante 2013 consiste “realmente nun aprazamento do gasto ata as eleccións municipais”.

Neste senso, os populares explican que esta situación evidénciase nas modificacións de crédito que veñen de aprobar en xullo de 2014,  con cargo a remanentes de tesourería do 2013.

Indicadores

Os populares tamén recordaron os datos que se extraen da comparativa entre os indicadores da Conta Xeral de 2007 e os da de 2013, e que demostran que o endebedamento da administración provincial se multiplicou por catro durante o goberno de socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo.

Tanto é así que a débeda por habitante pasou de 30,31 euros en 2007 a 114,80 euros por lucense no 2013. Polo tanto, a xestión de José Ramón Gómez Besteiro no ente provincial en coalición co BNG supuxo “máis débeda e menos cartos” xa que tamén se reduciron dende 2007 a 2013 en preto de 30 millóns de euros os fondos líquidos.

E todo isto dáse, segundo lembraron os populares, pese que a socialistas e nacionalistas están a gobernar de costas ao 64% dos concellos da provincia de Lugo.