Partido Popular de Lugo

O GPP critica que Besteiro deixe “en mans de ninguén” o edificio do hospital psiquiátrico de Castro Ribeiras de Lea

Lugo, 24 de setembro de 2014.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, denunciou esta mañá a despreocupación de Gómez Besteiro á hora de garantir medidas de seguridade nas instalacións da súa titularidade e que albergaron durante anos o hospital psiquiátrico de Castro Ribeiras de Lea. En concreto, a popular asegurou que a administración lucense “está a deixar en mans de ninguén este edicio”.

Nos últimos meses, esta construción sufriu importantes saqueos por parte de descoñecidos, repetíndose as entradas nestas instalacións durante os meses de verán, asegurou a popular, quen engadiu que o centro mesmo se están a converter de forma puntual nun asentamento de ‘okupas’.

Candia dixo que esta situación estase a dar porque as medidas de seguridade instaladas nun primeiro momento pola Deputación Provincial de Lugo non están a funcionar. “As cámaras non están operativas ao parecer por corte do subministro eléctrico”, matizou a popular en base a denuncias que lle chegaron ao Grupo do Partido Popular.

O PP interesarase en pleno polo estado do edificio

Ante os feitos dados, o Grupo Provincial do Partido Popular interesarase en pleno polas actuacións que tomará a Deputación de Lugo tendentes a evitar saqueos e o asentamento de ‘okupas’ no edificio que albergou o hospital psiquiátrico de Castro Ribeiras de Lea.

“A Deputación lucense e os seus responsables, como titulares do edificio, non poden permitir que esta zona se chegue a converte nun foco de inseguridade e intranquilidade para os veciños”, explicou Candia. “A maiores estamos ante un edificio dunha extensión considerable, que non se pode abandonar e ao que se lle deberá dar un novo uso que permita a súa posta en valor”, concluíu.