Santiago, 23 de setembro de 2014.- O Parlamento galego aprobou esta mañá, co voto favorable do Grupo Popular, a abstención de BNG, AGE e Grupo Mixto, e voto negativo do PSOE, o proxecto de Lei de Arquivos e documentos de Galicia, unha norma “que define un modelo eficaz e moderno de xestión arquivística, garante o acceso de todos ao patrimonio documental e a xestión pública sen ningún atisbo de privatización e contempla aos arquivos como entidades patrimoniais e administrativas”, manifestou o portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde.
Na súa intervención, Baamonde cualificou a nova lei como “boa e absolutamente necesaria” e salientou que “é a primeira vez que en Galicia se regula con rango normativo de lei os arquivos”. Máis en concreto, indicou que a nova norma “da resposta ao novo concepto de arquivos, entendidos como axentes activos da memoria colectiva e non como simples axentes burocráticos”, ao tempo que “pon a disposición dos cidadáns todo o patrimonio documental de Galicia”.
ENFOQUE ACTUAL E MODERNISTA
“Baséase nun enfoque actual e modernista centrado no concepto de xestión documental, desenvolvendo as normas técnicas internacionais e conecta co avance tecnolóxico da regulación electrónica”, manifestou Agustín Baamonde.
O portavoz popular sinalou que “a lei concibe o sistema de arquivos como unha estrutura legal e administrativa, non hai confusión entre arquivos e patrimonio documental e si que hai un modelo claro e definido de actividade arquivística”.
Respecto do dereito de acceso aos arquivos, Baamonde explicou que aparece regulado como obxecto da lei no título preliminar e “se contempla na lei con un carácter amplísimo e mellorado durante a ponencia parlamentaria coa aceptación de emendas de AGE e do PSOE”.
”A lei senta o principio de que todas as persoas teñen dereito de acceder aos documentos que forman parte do patrimonio documental de Galicia, polo que os investigadores xa están incluídos e a propia lei xa recolle a investigación como un dos fins principais dos arquivos”, apuntou.
Así mesmo, o portavoz popular engadiu que a lei “impón facilitar o acceso a través de todos os elementos que se poidan realizar, sen barreiras, así como asesorar e informar na localización de documentos”.