A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, presentou hoxe a iniciativa que defenderán no próximo pleno, que se debaterá o martes 30 de setembro, e na que instan á Deputación a que corrixa as deficiencias existentes na oferta das rutas de catamaráns polos ríos Miño e Sil.
Así o anunciou hoxe a popular, acompañada de alcaldes e voceiros dos concellos da zona sur da provincia, durante unha rolda de prensa celebrada no embarcadoiro de Doade e na que lembrou que en sesión plenaria do 30 de outubro de 2012, “os socialistas e nacionalistas recoñeceron a necesidade de implantar melloras na xestión das rutas fluviais e que hoxe en día seguen sen darse”.
Compensación dos danos e prexuízos
A prestación do servizo de catamaráns nunha calidade non axeitada “repercute negativamente no sector turístico da zona, que atopa nas rutas fluviais un dos seus recursos bandeira”, matizou a popular. “A supresión de rutas, como a de Maiorga, está a reducir considerablemente o número de clientes do establecemento hoteleiro ubicado nesta zona”, exemplificou Candia.
Deste xeito, a mesma iniciativa plenaria, ademais de pedir que se subsanen as deficiencias, recolle tamén un punto dous no que o GPP esixe á Deputación que deseñe unha liña de compensación dos danos e prexuízos ocasionados nos establecementos e negocios turísticos á raíz da mala xestión do servizo de rutas de catamaráns.
Unha atención deficiente
En canto ás deficiencias existentes na xestión das rutas fluviais en catamarán, os populares esixen melloras en dous ámbitos, tanto no de atención ao usuario como no de oferta de rutas.
“Pedimos que se podan realizar reservas anticipadas e consultas todos os días da semana, xa que actualmente un usuario non pode coller os seus billetes nin en horario de tarde nin de fin de semana vía telefónica, e os sábados e domingos non funciona tampouco o servizo online”, explicou Candia, ata o punto que, “no Club Náutico de Doade non existe teléfono fixo”.
Os turistas non só se atopan con problemas para realizar as reservas, senón que, unha vez no embarcadoiro de Doade e, “correndo o risco de que non haxa billetes ou teñan que esperar a poder subir ao catamarán”, os clientes tampouco dispoñen de puntos de información no lugar, nin persoal dispoñible que os atenda.
Unha oferta mellorable
Na iniciativa plenaria, os populares piden unha ampliación dos horarios de saída, xa que, por exemplo, dende Doade e Belesar só existe unha ruta en horario de mañá “que consideramos insuficiente”.
“Os itinerarios son mellorables e é necesario o restablecemento de rutas suspendidas, como é a de Maiorga”, explicou a voceira dos populares na Deputación, ao tempo que dixo non entender o motivo que leva a que en Doade, existindo dous catamaráns, “navegue só un, mentres o outro barco permanece amarrado e os usuarios esperando no embarcadoiro”.
Un verán coma o anterior
A popular lembra que as deficiencias nas rutas fluviais que xestiona a Deputación están a darse dende fai anos e “atendendo a denuncias de usuarios, veciños e entidades locais e administrativas”, o Grupo Provincial do Partido Popular a través doutra iniciativa plenaria solicitou en outubro de 2012 “unha mellora do funcionamento deste servizo”.
“Co voto a favor da nosa iniciativa, o PSOE e o BNG recoñeceron a necesidade de levar a cabo melloras tanto na oferta turística como na atención aos usuarios”, explicou Candia, “porén esta situación continuou a darse e, en 2013, reiteramos a petición unha vez que durante a Semana Santa permanecesen pechados os clubs náuticos”.
Polo tanto, esta circunstancia, e unha vez coñecido que no 2014 as deficiencias seguen, demostra que se desaproveita un dos recursos bandeira da Ribeira Sacra, “cos consecuentes danos, que esta circunstancia implica para os distintos integrantes do sector turístico. De aí que imos máis alá e pedimos que a Deputación compense estes prexuízos ocasionados”.