Partido Popular de Lugo

Vidal Martínez- Sierra non optará á reelección como Presidente local do Partido Popular de Lourenzá

Lugo, 21 de setembro de 2014.- O excalde de Lourenzá e actual deputado autonómico, Vidal Martínez-Sierra non optará á reelección como máximo dirixente local do partido no Congreso que os populares laurentinos celebrarán o venres 17 de outubro, segundo comunicaron desde a dirección provincial

Así o explicou Martínez-Sierra nunha xuntanza que mantivo co presidente provincial do PPdeLugo, Xose Manuel Barreiro e o secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro e na que deu conta da súa intención de propiciar a renovación da presidencia local para centrarse na súa tarefa como deputado autonómico.

Martínez-Sierra quen explicou que esta decisión “non supón un adeus” á política local, senón “un paso atrás” para proseguir co proceso de renovación emprendido coa súa saída da Alcaldía, sinalou que seguirá colaborando e achegando a súa experiencia e traballo en defensa dos seus veciños, desde outras responsabilidades.

O parlamentario quixo agradecer moi especialmente o apoio, lealdade e traballo desenvolvido polas persoas que lle acompañaron nas executivas do Partido Popular local ao longo destes últimos anos así como no Concello, e agradeceu con intensidade a confianza que en cada proceso electoral depositaron nel e no seu equipo, os veciños de Lourenzá, simpatizantes e afiliados.

Desde a dirección provincial do PPdeLugo só tiveron palabras de agradecemento para o presidente local saínte así como puxeron en valor o traballo tanto orgánico como institucional desenvolvido por Vidal Martínez-Sierra, hoxe unha voz imprescindible da Mariña no Parlamento de Galicia.

O PP de Lugo explicou que o mes próximo terá lugar un Congreso local no que todos os afiliados poderán escoller de xeito directo aos novos responsables do partido en Lourenzá e sinalou que, coa decisión de Martínez-Sierra, dá comezo un proceso precongresual que implica, segundo os estatutos, a presentación da nova candidatura, un novo equipo que debe situar como obxectivo principal a renovación e consolidación da maioría popular nas vindeiras eleccións municipais.

PRESIDENTE DA COMISIÓN DE AGRICULTURA E MONTES

Nacido en Sao Paulo (Brasil) no ano 1960, Vidal Martínez-Sierra é Licenciado en Veterinaria E pertence ao corpo superior facultativo da Xunta. Foi alcalde de Lourenzá desde o ano 1997 ata o ano 2012, sempre con maioría absoluta. Foi tamén xefe territorial da Consellería do Mar en Lugo ata o ano 2010.

Na actualidade foi elixido deputado no Parlamento de Galicia, nos últimos comicios autonómicos, institución onde preside a Comisión 7ª, de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes. Ademais na Cámara autonómica é membro da  Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo e da Comisión de Asuntos Europeos. Martínez-Sierra seguirá formando parte da Corporación Municipal de Lourenzá como concelleiro e, a nivel orgánico, é integrante do Comité Executivo do Partido Popular na provincia de Lugo