Partido Popular de Lugo

Javier J. Castiñeira encabezará por segunda vez a candidatura do Partido Popular de Foz

Lugo, 19 de setembro de 2014.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, encabezará por segunda vez a candidatura do Partido Popular á Alcaldía desta localidade da Mariña lucense “para culminar o proxecto iniciado fai algo máis de tres anos”, cando os veciños outorgáronlles a súa confianza, facendo posible a vitoria electoral e convertendo á formación política popular na lista máis votada.

Deste xeito o rexedor de Foz converteuse no primeiro dirixente do Partido Popular na nosa provincia en presentar a súa candidatura, neste caso á reelección, e para iso  convocou unha rolda de prensa na que estivo arroupado polo Presidente provincial, Xose Manuel Barreiro, o secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro e membros da súa executiva local e do goberno municipal.

O MELLOR CANDIDATO POSIBLE

Pola súa banda, o presidente dos populares lucenses, Xose Manuel Barreiro sinalou que con Javier J. Castiñeira teñen o “mellor candidato posible, todo un acerto” que “souberon recoñecer os veciños e que volverán a facelo, convencidos da súa capacidade de traballo, disposición e compromiso co seu municipio”

Barreiro explicou que quixeron facer de Foz o punto de partida, o primeiro concello no que iniciar o proceso de presentación dos novos candidatos do Partido Popular cara as vindeiras eleccións municipais, como síntoma de apoio incondicional ao futuro candidato, pero tamén, porque esta localidade representa “a capacidade de renovación, o novo xeito de gobernar e a boa xestión que ofrece tras de si un sólido equipo de goberno popular”

“Foz é o único concello da provincia no que o Partido Popular goberna con maioría simple, o que demostra o acerto que supón deixar gobernar á lista máis votada polos veciños” -sinalou Barreiro- quen rematou lembrando que, pola súa vinculación persoal coa localidade, onde reside durante gran parte do ano, “só pode desexar o mellor”, neste caso, da man de Javier J Castiñeira.

NOVO ESTILO, NOVAS FORMAS… UN EQUIPO

Os populares insistiron nas súas intervencións que “Foz necesita estabilidade política” en contraposición a unha oposición “dividida, en permanentes liortas e incapaz de configurarse como alternativa”. Precisamente quixeron contrapoñer a “responsabilidade” do actual alcalde “fronte ao caos” que representan os membros da oposición.

“Foz merece outros catros anos de estabilidade política e de continuidade para poder levar a cabo o proxecto político que encabezo», sostivo o rexedor. O alcalde mostrou a súa «ilusión» por repetir outros catro anos á fronte da Alcaldía, así como a súa convencemento de que o Partido Popular ampliará a maioría que obtivo nas últimas eleccións municipais. «Os veciños saberán recoñecer o traballo realizado» e farán que o PP volva ter «a confianza aínda máis maioritaria dos cidadáns».

Recuperando un dos lemas da anterior campaña das municipais “novo estilo, novas formas… un equipo” os populares quixeron insistir na capacidade de liderado de Javier J. Castiñeira o que contrasta co que acontece nos partidos da oposición e sinalan o negativo de apostar polos partidos da esquerda.

“Imaxínanse o que acontecería neste concello se o alcalde non fora do Partido Popular. Hoxe asistiríamos a toda unha guerra entre concelleiros do goberno, facendo este municipio ingobernable, a oposición ten dirixentes máis centrados nas súas aspiracións persoais e políticas que en resolver problemas e defender os verdadeiros intereses dos veciños”- manifestaron.

JAVIER JORGE CASTIÑEIRA: “DESPOIS DE CATRO ANOS, SIGO COA MESMA ILUSIÓN COA QUE EMPEZEI ESTE CICLO”

“Despois de catro anos, sigo coa mesma ilusión coa que iniciei este ciclo, primeiro como candidato e logo como alcalde de Foz”- manifestou Jorge Castiñeira, quen engadiu que malia a ser unha lexislatura “chea de obstáculos, zancadas e empurróns seguiron adiante e o único que conseguiron foi facernos máis fortes, máis unidos e aflorar en todo o equipo un sentido da responsabilidade, de compromiso e de amor ao noso pobo moito maior do esperado”.

Afirmou o popular que malia a ser o único concello onde o PP goberna con maioría simple en solitario, “nunca pensei en tirar a toalla” e afirmou que “tanto os veciños, amigos , compañeiros coma a propia familia, estiveron sempre comigo, e iso nunca o olvidarei”- manifestou, quen dixo estar seguro que tanto esforzo é merecedor de seguir contando coa confianza da maioría dos focenses.

Aseverou o rexedor que tanto nos meses que quedan de lexislatura coma nos que veñen, “seguiremos ofrecendo algo que a xente de Foz xa coñece:  capacidade de traballo, seriedade, compromiso, cercanía, honestidade e responsabilidade coas contas públicas” e “ninguén poderá dicir de nós o contrario xa que o concello estivo aberto para todos, sen discriminación algunha”.

Dixo o popular sentirse moi orgulloso do equipo que lle rodea, e afirmou que “sempre antepuxemos os intereses do pobo antes dos nosos particulares, familiares ou de partido; sempre estivemos unidos cun único obxectivo: axudar ao noso concello a superar o período de crise económica máis longo dende a Democracia”.

Concluíu Javier Jorge Castiñeira afirmando que “remataremos a lexislatura con menos parados no concello que os que topamos, coa metade de débeda, máis saneado con remanentes de Tesourería descoñecidos, con melloras e obras considerables, aumentando a actividade e o que é mais importante, gastando moitos menos recursos”.

ARQUITECTO DE 39 ANOS

Javier Jorge Castiñeira, arquitecto técnico de 39 anos foi quen, fai case catro anos de desaloxar da Álcaldia ao ex rexedor socialista José María García Rivera que, tras 16 anos en 2011 perdeu as eleccións fronte a candidatura do Partido Popular encabezada por Castiñeira, que acadou a maioría simple.