Santiago, 17 de setembro de 2014.- O Parlamento de Galicia aprobou, sen ningún voto en contra, a iniciativa defendida polo voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, dirixida a axilizar os recoñecementos médicos que os mariñeiros teñen que facer, de xeito obrigatorio, con carácter previo ao embarque.
A iniciativa popular establece un mandato ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para que asine un convenio de colaboración co Instituto Social da Mariña (ISM) -entidade encargada de efectuar este chequeos- para que poidan efectuar un intercambio mutuo de información médica e acceder aos sistemas informáticos que se estimen necesarios para cumprir as funcións de vixilancia e protección da saúde encomendadas a ambos organismos.
Balseiro si indicou que lle causa unha sensación moi negativa que PSOE, AGE e o BNG non voten a favor desta iniciativa pois, con este comportamento, demostran que non son sensibles á realidade dos profesionais do mar e ás súas reivindicacións, entre as que están a necesidade de axilizar estes recoñecementos médicos
PROBAS DIAGNÓSTICAS NUN SO DÍA
O voceiro do Mar do Grupo Popular dixo que esta medida permitirá que estes recoñecementos previos ao embarque marítimo e as distintas probas poidan efectuarse nun só día, sen demoras, e sen necesidade de que os tripulantes perdan varias xornadas de traballo, o incluso mareas completas (se o barcos sae ao mar sen o mariñeiro que está a espera o seu chequeo), evitando os consecuentes prexuízos.
Na actualidade estes recoñecementos médicos obrigan aos traballadores a permanecer en porto varios días durante os que o profesional do mar non pode realizar a súa actividade pesqueira. A axilización dos chequeos tamén permitirá –segundo Balseiro– a repetición de probas médicas e diagnósticas (análises sanguíneos, espirometrías, electrocardiogramas, etc) que en moitas ocasións xa se efectuaron nos centros sanitarios do SERGAS nun espazo temporal próximo pero ás que, na actualidade, non teñen acceso nin autorización de uso os profesionais médicos do ISM.
GARANTÍAS DE CONFIDENCIALIDADE
O voceiro do mar dos populares galegos salientou que, a consulta da información de carácter sanitario que figura nas devanditas bases de datos, permitirá obter uns resultados máis eficaces en materia de saúde laboral e unha máis eficiente protección da saúde destes traballadores. Con todo Balseiro, tamén quixo deixar claro que esta colaboración deberá efectuarse coa consecuente observancia das disposicións en materia de protección de datos de carácter persoal e as instrucións que poidan adoptarse para salvagarda do uso desta información que, en todo caso, sempre estará manexada por persoal sanitario.