A voceira do Partido Popular de Rábade, María Luísa Macía, esíxelle ao alcalde Francisco Fernández Montes que tome de xeito inmediato e cara ao inverno medidas dirixidas a evitar as caídas que se están a dar de xeito continuado na Praza de España e no Campo da Feira.
A popular explica que o alcalde asentou nesta zona un firme de madeira que nos meses de inverno e días de choiva se volve “unha auténtica pista de patinaxe”, convertendo á localización “nun grave perigo” tanto para os veciños como para os visitantes.
Así, Macía explica que o seu grupo se interesou en pleno por garantir a seguridade dos viandantes e trasladou un rogo oral, “no que nos estamos a facer eco das innumerables queixas dos afectados por unhas obras que dende fai uns seis anos converte esta localización nun punto negro do noso concello e cuxa molestia vai a máis”.
“De cara ao inverno esta situación acrecéntase e xa non estamos a falar só dunha actuación que empeora esteticamente o lugar, senón dunha obra que entraña perigo”, polo que “rogámoslle ao alcalde que de cara aos próximos meses de outono tome as medidas oportunas para evitar novos afectados”.
Sen alternativa para os viandantes
A voceira dos populares engade que a inseguridade nesta zona increméntase xa que os viandantes non contan con outra alternativa a maiores da de camiñar sobre o firme de madeira.
Macía explica que o espazo contiguo a esta tarima non dispón dunha delimitación entre zona para os vehículos e zona para os paseantes. “O alcalde fixo a vista gorda de momento, ata o punto de asegurar que estamos ante unha obra de vangarda”, lamenta a popular.
Mal estado do firme de madeira
O firme de madeira non se converte só nun perigo polo esvaradío que se volve, tamén polo mal estado que presenta en algúns dos seus puntos, “con roturas nas táboas e mesmo puntas oxidadas que sobresaen”. “Incluso preto dun establecemento hostaleiro treme toda a terraza”, exemplifica a popular.
Polo tanto, Macía reitera que “podemos estar a falar nunha zona que é hoxe un punto negro no Concello” e sobre a que “non só os veciños, senón tamén os visitantes piden unha solución inmediata para evitar que se continúen a sufrir múltiples caídas”.