Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR ACUSA AO BNG DE QUERER MODIFICAR AGORA A POSIBILIDADE DE DESIGNAR CONCELLEIROS NON ELECTOS CANDO ABUSARON DESTA NORMA EN RIBEIRA, VILALBA E PORRIÑO

A portavoz de Administracións Públicas do Grupo Popular, Paula Prado, acusou hoxe ao BNG de ser quen “abusou”  de utilizar o artigo 182.2 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREX) para designar concelleiros nos municipios naqueles casos que se esgotara a lista de candidatos que concorreron ás eleccións locais, logo de que fixera uso desta norma nos concellos de Ribeira, Vilalba e Porriño.

“Resulta que agora este artigo se converte en perverso cando é utilizado polo Partido Popular para resolver a situación de inestabilidade xerada no Concello de Santiago tras unha situación excepcional como é a inhabilitación de sete dos seus concelleiros, pero non cando o utilizou o BNG para atallar insubordinacións internas e outorgar o liderado dos seus grupos municipais díscolos a tres voceiros obedientes ao aparato que non concorreran á lista”, indicou Paula Prado.

PORTA Á SOLUCIÓN

Neste sentido, sinalou que “a representación do PP en Santiago, aínda incorporando edís non electos, está liderada por unha persoa que figuraba na lista votada polos cidadáns, mentres que a representación do BNG en tres concellos galegos está encabezada por tres persoas designadas a dedo pola dirección do partido”.

Prado explicou que o artigo 182.2 da LOREX “non representa ningún problema, senón máis ben unha porta á solución en situacións excepcionais”. Así, recoñeceu que este artigo foi introducido para unhas causas concretas relacionadas co terrorismo, pero “non é menos certo que nestes anos ten amosado esa funcionalidade para resolver circunstancias excepcionais que, de non ser atalladas, si poderían provocar situacións pouco democráticas”.

A portavoz popular criticou que “este mecanismo, que opera baixo criterios de sentido común, lexítimo e perfectamente contemplado na lei, fora moi útil para resolver as moitas e moi variadas crises internas e escisións no BNG” entre os anos 2012 e 2013 nos concellos de Ribeira, Vilalba e Porriño.

PERVERSO CANDO O UTILIZA O PP

“Resulta que agora este artigo se converte en perverso cando é utilizado polo Partido Popular para resolver a situación de inestabilidade xerada nun concello tras unha situación excepcional como é a inhabilitación por sentenza xudicial de sete dos seus concelleiros”, engadiu.

Paula Prado explicou que o PP “utilizou o artigo 182.2 para dar estabilidade a un goberno local incorporando a sete edís non electos baixo a dirección dun alcalde que si concorrera na lista”. Neste sentido, recordou que esta solución “fora compartida polo Partido Socialista nun primeiro momento nunha rolda de prensa neste Parlamento, pero máis tarde recorreron á Xunta Electoral que tampouco lles dou a razón”.