Partido Popular de Lugo

O incendio na Rocha confirma as advertencias do PP sobre o abandono e descoido dos espazos públicos municipais

O Partido Popular de Mondoñedo asegurou esta mañá que o incendio sufrido na tarde de onte na zona da Rocha vén a confirmar as advertencias dos populares sobre a perigosidade que entraña o abandono e o descoido tanto de espazos, como de inmobles públicos municipais.

Esta localización do entorno do cemiterio vello é un foco de inseguridade dado a maleza que a invade dende fai anos ante a falta de actuacións de limpeza e de roza por parte do bipartito do Concello. O Partido Popular de Mondoñedo solicitou a través dunha moción o adecentamento desta zona, pero ao parecer, lamentan os populares, o PSOE e o BNG esperan a que acontezan desgrazas para actuar.

Neste senso, os populares agradecen a actuación inmediata dos servizos de emerxencias xa que a falta de rapidez provocaría que a matogueira existente se convertese nun importante foco de expansión do incendio iniciado no alpendre. “Estase ante unha zona ubicada ao lado do casco histórico, polo que as consecuencias poderían chegar a ser moito maiores”, aclararon dende o Partido Popular.

Nin limpan, nin vixían

Os populares apuntan tamén que a falta de actuación por parte do equipo de goberno local non se resume só na inexistencia de limpeza na zona; senón tamén na carencia de control.

O Partido Popular explica que o alpendre no que se deu o incendio, que todo apunta a que é de titularidade municipal, serve de lugar de encontro entre a xuventude, tanto que alí se albergaban mesmo colchóns e sofás. Polo tanto, é necesario unha maior garantía de seguridade e máis tendo en conta que se puido ver afectada xente moza.

“Pagámoslles para que manteñan coidado o pobo”, di o PP

Os populares consideran “vergoñento” o estado que presenta a zona da Rocha, o que cualifican de “non permisible”. “Os mindonienses están a pagar dúas dedicacións exclusivas, para que atendan as responsabilidades de goberno e manteñan en bo estado os espazos e as dependencias municipais”; matizaron dende o Partido Popular

Os populares advertiron en tempo e forma

Ademais de urxir en pleno o adecentamento do entorno do parque do Cemiterio Vello “ao consideralo inseguro e perigoso”; o Partido Popular tamén solicitou “de xeito urxente” ao bipartito mindoniense un calendario de desbroces tanto no casco urbano como no rural.

O equipo de goberno de Mondoñedo dispón dos medios necesarios para realizar estas labores, xa que a maiores da brigada de incendios a administración local tamén conta cun tractor municipal.  “Só a desidia, a falta de preocupación e a inexistencia de traballo por parte do PSOE e do BNG son as responsables de circunstancias como a dada na tarde de onte”, matizaron dende o Partido Popular.

Neste senso, os populares refiren a moitas outras zonas que presentan un importante estado de abandono e nas que se pediron actuacións, sen ser atendidas ata o de agora.  Como exemplo, o PP cita o espazo habilitado para aparcamentos detrás dos xulgados, sobre o que hoxe en día medra a herba, sen realizar labores de limpeza.

A maiores, os populares tamén lembran que en reiteradas ocasións urxiron a posta en marcha dun plan de emerxencias de “imperiosa necesidade tanto para o rural como para o casco urbano, debido sobre todo as características da localidade, que facilitan a propagación dos incendios”, lembraron dende o Partido Popular.

“Por que non actuou ata agora o equipo de goberno local?”, pregúntanse dende o Partido Popular, “a caso hai que esperar a que se dean feitos como o incendio da Rocha?”, concluíron dende o PP.