Partido Popular de Lugo

O PP da Pobra de Brollón lembra que a xestión “ineficaz” do alcalde privou aos veciños durante dous anos do alumeado nocturno

O Partido Popular da Pobra de Brollón, a través do seu voceiro Fernando Parada, lémbralle ao alcalde da localidade, o nacionalista José Luís Maceda, que “a súa xestión ineficaz foi a que privou aos veciños durante anos do alumeado nocturno”.

Os populares fan estas declaracións despois de que o nacionalista anunciase o restablecemento do alumeado durante a noite e culpabilizase a outras administracións da necesidade que o levou a apagar os farois durante dous anos.

Neste senso, Parada esíxelle a Maceda que “atenda e analice primeiro os problemas da casa”, que foron os que “motivaron a suspensión xeral do alumeado público nocturno”. O popular pídelle ao nacionalista que non se dedique a “botar balóns fóra” e achacar culpas a outras administracións das que é “el o responsable directo”.

Así, o voceiro popular xustifica as súas declaracións en datos como que o Concello da Pobra de Brollón duplicara en catro anos a débeda, ao que Parada cualifica de “exemplo da política antieconómica do nacionalista, que o obrigou a tomar medidas como a do apagón”.

Unha proposta dos populares

Parada tamén lembra que o PP local xa lle propuxera fai dous   anos ao alcalde a substitución das lámpadas existentes por unhas de baixo custo e que permitisen o aforro enerxético.

“Daquela o alcalde non atendeu ao noso consello e tardou ata dous anos en facelo, castigando aos veciños sen alumeado nocturno”, lamentou o voceiro dos populares.