Partido Popular de Lugo

CASTIÑEIRA PIDE AO CONCELLO DE LUGO “FACER ALGO PARA EVITAR A DEGRADACIÓN SOCIAL DA TINERÍA AO TEMPO QUE A XUNTA RECUPERA OS EDIFICIOS”

O portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, avogou hoxe no Parlamento porque a rehabilitación do barrio da Tinería en Lugo “sexa social e do patrimonio” e animou ao Concello lucense “a que faga algo para evitar a degradación social que vive este barrio ao mesmo tempo que a Xunta de Galicia está a levar adiante a recuperación dos edificios”.

Jaime Castiñeira recordou que “foi un goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia o que iniciou en solitario en 2001 o proxecto de rehabilitación do barrio da Tinería, sen practicamente colaboración algunha por parte do Concello, que o único que fixo foi dar as licenzas das obras, cobralas e retrasar bastante a tramitación dun proxecto no que xa se levan investidos máis de 25 millóns de euros”.

DEGRADACIÓN SOCIAL

En concreto, o portavoz popular dixo que se adquiriron 51 edificios para proceder á súa rehabilitación, se fixeron os proxectos e se contrataron as obras antes do ano 2005, cando accedeu á Xunta o anterior  Goberno de PSOE e BNG. Na actualidade, Castiñeira indicou que no mes de xullo se adxudicaron as obras do edificio número 16.

Jaime Castiñeira lamentou na súa intervención que o anterior Goberno bipartito da Xunta gastara 140.000 euros na redacción dun plan especial da unidade de intervención número 8 (UI.8), cando xa existía un proxecto elaborado polo Partido Popular que supoñía un custo unha terceira parte inferior: 267.000 euros por vivenda no novo proxecto fronte aos 117.000 euros do elaborado polo PP.

Por este motivo, dixo que o actual Goberno galego volveu ao proxecto inicial, pero advertiu da degradación social que está a sufrir o barrio da Tinería, “unha situación que corresponde arranxar ao Concello de Lugo”. “Hai vivendas baleiras porque a xente non quere que os seus fillos vivan alí”, criticou  portavoz popular, quen reiterou que “esa é unha realidade social pola que o Concello non está facendo nada”.

OBRAS NA ESTACIÓN DE AUTOBUSES

Durante a celebración da Comisión 2ª no Parlamento, o Grupo Popular apoiou a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a tomar as medidas oportunas para a adaptación integral e urxente do edificio da estación de autobuses de Lugo, mellorando a súa accesibilidade, confortabilidade, hixiene, seguridade e información aos usuarios para potenciar o transporte público.

Jaime Castiñeira explicou que, “do mesmo xeito que apoiamos esta mesma proposta no Pleno do Concello de Lugo, non podemos opoñernos a esta iniciativa porque a Xunta xa vai levar a cabo unha actuación de mellora na estación de autobuses, unha vez que procedeu á licitación das obras o pasado 10 de xullo e se adxudicarán nos próximos días”.

Ademais, manifestou que estas obras “non supón que se renuncie a construción da estación intermodal”, ao tempo que reiterou a demanda ao Concello de Lugo para que proceda ao arranxo do entorno da estación de autobuses “aproveitando a realización destas obras de adecuación”.