A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, reafirmou esta mañá que “tanto socialistas como nacionalistas, en época de crise, utilizaron o diñeiro de todos os lucenses dirixido a crear emprego, tanto para colocar aos amigos en postos de traballo, como para obter réditos electorais”.
Así o manifestou esta mañá a popular despois de que onte se dese a coñecer que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tombou o Plan Emprega promovido pola Deputación de Lugo (PSOE e BNG) no ano 2011.
Candia lembra que a sentenza 462/2014 do TSXG, confirma a sentenza 75/2014 co Contencioso número 2 de Lugo e recolle que se manipularon os criterios de selección ao aumentar, unha vez publicadas as bases, o peso da entrevista persoal sobre a proba de coñecementos para favorecer aos afíns. A popular insiste, polo tanto, en que “dúas sentenzas confirman esta situación”.
“Un Zapatero máis”
A popular remarcou que as actitudes de Besteiro no ano 2011, cando había que tomar medidas para a crise, eran “as dun Zapatero máis”. Deste xeito, Candia engadiu que o socialista “non escatimou esforzos en dirixir o diñeiro a fins electoralistas no lugar de loitar contra a lacra do paro”
O GPP xa denunciara irregularidades na selección dos beneficiarios
A voceira dos populares lembrou que o Grupo Provincial do Partido Popular xa denunciara no 2011 a existencia de irregularidades na selección dos beneficiarios, co único obxecto de utilizar o proceso para “darlle traballo aos amigos do PSOE e do BNG”.
Inclusive, os populares, xa nese mesmo ano, segundo lembra Candia, “aseguraramos que o método utilizado para colocar a quen interesaba e descartar a quen non, foi o da entrevista persoal”. “O GPP puxera sobre a mesa curiosas circunstancias como que en xeral as persoas seleccionadas eran principalmente afíns ao PSOE e tamén ao BNG, con casos como un ex concelleiro socialista, cargos e familiares do PSOE e inclusive un irmán dun candidato”.
Polo tanto, a confirmación por parte do TSXG da sentenza que emitiu o Contencioso número 2 de Lugo, corrobora as numerosas denuncias manifestadas polos populares, ao recriminarlle a socialistas e nacionalistas “a súa política sectaria, que se move por intereses propios e non polos dos lucenses”
Último Plan de Emprego: Besteiro segue utilizando o diñeiro de emprego para pagar favores políticos
Os populares tamén lembraron o último plan de emprego aprobado por socialistas e nacionalistas no 2013, que “unha vez máis chega para os próximos comicios electorais municipais, presentando importantes vicios de legalidade como son a vulneración dos principios de igualdade e razonabilidade”, matizou Candia.
O PSOE e o BNG na Deputación, neste novo plan de emprego, deseñaron unhas bases “excluíntes e discriminatorias” que, entre outros, pecharon as portas para participar no proceso a nove de cada dez desempregados, e que deixou fora a 56 concellos da provincia, favorecendo a municipios identificados pola súa cor política.
O BNG, tamén responsable
Candia lembrou que “onte escoitabamos en declaracións da CIG, que subscribimos”, que esta sentenza era un exemplo dunha utilización por parte dos partidos políticos para favorecer o clientelismo.
Dende o GPP queren recordarlle, que dese clientelismo é “absolutamente” responsable o BNG, que coorgoberna esta institución.