Partido Popular de Lugo

O PP de Mondoñedo pide que se informe publicamente sobre a cobertura da praza do aparellador municipal

O Partido Popular de Mondoñedo rexistrará unha pregunta para a súa resposta no próximo pleno da corporación local na que se interesa pola cobertura da praza de aparellador  municipal, vacante dende este mes de agosto trala xubilación do traballador que desempeñaba esta función.

Deste xeito, os populares preguntaranlle ao equipo de goberno (PSOE e BNG) durante a sesión tanto polas condicións nas que o Concello está a cubrir de xeito provisional as funcións deste servizo municipal, como polo futuro da praza.

O PP preguntará pola forma na que o Concello está a remunerar ao traballador que cubre a vacante de forma temporal

Ao Partido Popular de Mondoñedo cónstalle que un arquitecto da Oficina de Rehabilitación está a cubrir as funcións que ata agora desempeñaba o responsable do servizo técnico municipal. Os populares explican que a Oficina de Rehabilitación ten unhas funcións moi determinadas.

Ante esta circunstancia, o PP quere coñecer, -e preguntará por elo en pleno- a forma na que está a remunerar o Concello ao empregado da Oficina de Rehabilitación e, polo tanto, en que condicións se está a dar esta cobertura provisional.

Futuro da praza

O Partido Popular de Mondoñedo informa que o Plan de Axuste do Concello obriga a reducir a praza do aparellador municipal a unha duración de media xornada.

Así, co obxecto de coñecer cal será o futuro da praza os populares preguntarán ao equipo de goberno local se atenderá ao Plan de Axuste ou pola contra o modificará para non levar a cabo esta redución.

A maiores, os populares queren coñecer cal será a solución para cubrir definitivamente a praza de aparellador municipal

Falta de planificación

Por último, os populares precisan que esta situación denota unha “evidente” falta de planificación do equipo de goberno local. O PP explica que se está ante unha vacante derivada dunha xubilación que, polo tanto, se podía prever con moita anterioridade.

As circunstancias dadas e a cobertura provisional a través dun traballador da Oficina de Rehabilitación amosan que o equipo de goberno local non estudou en tempo a situación para darlle unha rápida resposta.