Partido Popular de Lugo

A Deputación aprobou en agosto facturas por importe superior aos 235.000 euros nas que oculta o concepto polo que realiza o pago

A Deputación Provincial de Lugo aprobou en Decretos de Presidencia do mes de agosto o abono de facturas por un importe superior aos 235.000 euros nas que a administración continúa a ocultar o concepto en virtude do cal a institución realiza o pago.

Os populares reproban esta carencia no detalle informativo dos decretos de ordenación de pagos que emite o organismo, que se está a dar dende que o destino dos fondos que figuraban nas facturas deu lugar a importantes polémicas, como foi o caso da confirmación dun pago autorizado por Besteiro con diñeiro público para comidas correspondentes a citas congresuais da UXT.

Queixa ante o Valedor do Pobo

O GPP lembra que o seis de febreiro de 2014 presentou unha queixa ante o Valedor do Pobo tras que Besteiro mudase, coa intención de facelos máis opacos, os detalles das facturas, xa que antes si que incluía o concepto en virtude do cal se realizaban as liquidacións (nome, data, número de factura, importe e concepto).

O 19 de xuño; o Valedor do Pobo deulle a razón ao Grupo Provincial do Partido Popular e emprazou á Deputación a mellorar a práctica no terreo da transparencia e a facilitar o acceso rápido á información relevante, como instrumento do exercicio do dereito de información dos deputados provinciais. 

A Deputación segue a facer oídos xordos ao Valedor do Pobo

A día de hoxe, a Deputación de Lugo continúa a desobedecer ao Valedor do Pobo sen poder o Grupo Provincial do Partido Popular fiscalizar a onde destina a administración os fondos públicos dos lucenses; e cando só no mes de agosto, se está a falar dun importe superior aos 235.000 euros.

Esta situación precisouna o propio Valedor do Pobo ao asegurar que “esa necesidade de pedir os expedientes por non contar co dato indicado pode levar a ter que reclamar moitos deles para coñecer o seu detalle, o que podería ser interpretado como unha iniciativa de control desproporcionada, algo que se descarta de forma directa coa anterior práctica, máis acorde co principio de fácil acceso na implantación de prácticas de transparencia informativa”.

Polo tanto, mentres que Besteiro, quen de xeito reiterado intenta presumir de transparencia; a realidade deixa en evidencia prácticas escurantistas; que dificultan de xeito reiterado a responsabilidade de control de goberno do Grupo Provincial do Partido Popular.