Partido Popular de Lugo

BALSEIRO INTERÉSASE NO PARLAMENTO POLO PROTOCOLO DE ACTUACIÓN ESPECÍFICA QUE DESENVOLVE A XUNTA FRONTE A AVESPA ASIÁTICA

O voceiro de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha batería de iniciativas dirixidas a coñecer máis polo miúdo o protocolo de actuación específica que está a desenvolver a Xunta de Galicia fronte a que se coñece como avespa velutina ou asiática.

O parlamentario popular sinala que este insecto, catalogado como especie invasora desde a súa chegada a Europa, entorno ao ano 2004, está a propagarse nos últimos anos por distintos puntos da xeografía galega, en especial por zonas da Mariña lucense e das Rías Baixas.

A iniciativa popular ten por obxecto coñecer as actuacións e medidas dirixidas a evitar a súa propagación e reducir o impacto que poida ter no medio ambiente e nos ataques ás abellas produtoras de mel que constitúen un elemento esencial da súa dieta

Balseiro  faise eco das inquedanzas dos apicultores cando alertan de que un grupo destas avespas pode acabar, en pouco tempo, con gran parte dunha colmea de abellas e minguar a súa produtividade, e interésase polas medidas específicas postas en marcha pola Xunta e dirixidas a evitar estes efectos perniciosos.

CONTINUAR CON MEDIDAS PREVENTIVAS E INFORMATIVAS

Balseiro animou á administración a continuar a seguir promovendo todo tipo de medidas que contribúan á información e divulgación das medidas preventivas e defensivas para os produtores de mel e outros profesionais do sector, así como ao reparto de trampas e outros elementos de captura e á erradicación dos niños atopados.

O deputado popular salienta, non obstante como elemento de tranquilidade, ás manifestacións efectuadas desde o Goberno galego cando sinalan que, desde o punto de vista sanitario todo apunta a que pese a ser coñecidas como avespas asasinas, non teñen efectos nocivos para a saúde pública, máis aló dos que poden provocar as avespas comúns