Partido Popular de Lugo

O PP de Mondoñedo lamenta que o alcalde descoñecese que xa estaban licitadas as obras de mellora na LU-124

O Partido Popular de Mondoñedo lamentou hoxe que as declaracións postas de manifesto estes días polo alcalde da localidade, Orlando González, en relación á petición de melloras na LU-124, demostran que o nacionalista descoñecía que estaban licitadas xa actuacións nesta estrada, coa súa correspondente dotación orzamentaria.

Os populares resaltaron esta consideración tras que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, fixese público hoxe o número de ofertas recibidas as obras de mellora no treito da estrada LU-124, comprendido entre Mondoñedo-Lindín, e que serve de conexión coa autovía.

Neste contexto, os populares critican o afán mediático que guía ao alcalde e no que centra a súa atención, ata o punto, matizaron dende o Partido Popular de Mondoñedo, de levar ao nacionalista a non estar no día a día dos asuntos que afectan ao Concello e aos veciños.

Do mesmo xeito, os populares reiteraron o seu agradecemento á administración autonómica que de xeito continuado está a amosar o seu compromiso coa localidade. Os feitos, explicaron dende o PP local, desmenten as declaracións do nacionalista cando acusa ao departamento de Infraestruturas de desatender as peticións dos mindonienses.

Os populares lembran que ademais de dirixir aos traballos de mellorar a LU-124 máis de 775.000 euros; a Xunta de Galicia sempre mantivo un actitude implicada coas peticións sobre a LU-124. No ano 2014, o anterior conselleiro mantivo unha reunión cos veciños da parroquia do Carme para tratar melloras nesta vía; e foi cun goberno popular, o de Manuel Fraga, cando se redactou o primeiro proxecto de acondicionamento desta estrada.