Partido Popular de Lugo

O PP di que Maseda terá que explicar porque mantén pechado o punto final do camiño polo que a súa muller recibiu unha axuda da Deputación

O Valadouro, 12 de agosto de 2014.- O Partido Popular do Valadouro mantén as súas acusacións tras coñecer que a Deputación, gobernada por PSOE e BNG, abonou unha axuda do Plan de cooperación coas comunidades veciñais nunha conta bancaria da que é titular a muller do alcalde, o socialista Edmundo Maseda.

Os populares manteñen que o reparto destas axudas favorecen intereses partidistas e particulares de persoas afíns aos partidos no goberno provincial e non responden a criterios obxectivos, como debería garantirse ao tratarse dun reparto de fondos públicos.

Os populares aclaran que non están en contra de que se execute a obra de mellora nesta pista, senón da maneira na que se fixo, favorecendo os intereses particulares do alcalde e, moi en concreto, dun camiño que a día de hoxe remata de xeito exclusivo nos invernadoiros que constitúen a actividade profesional familiar e privada do alcalde.

Desde o PP van aínda máis lonxe e aseguran que o que era un camiño real que daba servizo público a unha serie de montes e unía as parroquias de Moucide e Budían, está hoxe pechado converténdose nunha pista que morre precisamente alí, na zona dos invernadoiros do alcalde.

“Edmundo Maseda non so rebaixou o terreo, senón que pechou esta pista, feito que vén a reforzar a nosa acusación de que esta actuación tiña un interese particular moi concreto. O alcalde está obrigado a dar explicacións sobre as razóns do peche deste camiño público”

UNHA PISTA SOBRE A QUE SI ACTUOU UN GOBERNO POPULAR

Os populares desmenten ademais a Edmundo Maseda no seu intento por xustificar esta obra asegurando que a pista levaba máis de 15 anos sen arranxo. Neste senso lembran que na última lexislatura do popular Eulogio Sanpaio o PP mellorou con zahorra, tajeas e cunetas este camiño real quedando en perfecto estado o servizo.

Desde o Partido Popular volven a insistir en que solicitar esta axuda empregando o nome da muller do alcalde pode ser legal pero en todo caso está falto de toda ética. A lexislación vixente establece innumerables incompatibilidades para evitar que desde unha administración pública se favorezan a familiares dun político e que neste caso concreto, se serven dunha laguna para facer legal o que non é ético.

UN ALCALDE QUE NON ACEPTAN AS CRÍTICAS

Os populares lamentan que fronte as denuncias concretas que o Partido Popular realiza na súa tarefa de oposición, reciban unha e outra vez ás críticas airadas do alcalde -incluso con descualificativos persoais- e insisten en que tanto neste caso, como nos asuntos que tanto parece ter molestado ao alcalde, incluídos no boletín informativo que o PP distribuíu entre os veciños, lonxe de criticar por criticar o PP fala de asuntos concretos e realistas e absolutamente certos, como cando asegura que o único compromiso que cumpriu o equipo de goberno de todos os pactados coa moción de censura foi a creación da escola de orticultura. Rematan lembrando que o alcalde, molesto pola súa incapacidade de ganar as eleccións, fai oídos xordos a todas as acusacións e lembran que, a día de hoxe por exemplo, non explicou tampouco se devolveu a dieta que percibiu do concello de Ourol por acudir a unha mesa de contratación, na súa condición de alcalde.