Partido Popular de Lugo

A Deputación abonou unha axuda do Plan de cooperación coas comunidades veciñais nunha conta da que é titular a muller do alcalde

O Valadouro, 8 de agosto de 2014.- O Partido Popular do Valadouro denunciou hoxe que a Deputación provincial de Lugo, gobernada por PSOE e BNG, abonou unha axuda do Plan de cooperación coas comunidades veciñais nunha conta bancaria da que é titular a muller do alcalde, o socialista Edmundo Maseda.

Os populares veñen denunciando desde fai tempo, que a repartición destas axudas provinciais se estaría a efectuar dun xeito caciquil, sen respectarse criterios obxectivos, nin de libre concorrencia e, nunha gran maioría de ocasións, a Deputación beneficia a persoas vinculadas ás listas electorais do PSOE e do BNG ou, coma neste caso concreto, a un familiar directo do alcalde.

OBRAS EN INTERESE PARTICULAR DOS EDÍS DE GOBERNO

Desde o Partido Popular explican tamén que o suposto obxecto da subvención, por importe de 4.652,45 euros, é o arranxo da pista da Granda de Riba. Este feito  adquire relevancia para os populares se temos en conta que é de especial interese particular para o alcalde, xa que esta vía serve de acceso aos invernadoiros nos que o rexedor efectúa a súa actividade profesional privada.

Os populares denuncian que unha vez máis queda demostrado que os integrantes do Executivo local gobernan para os seus intereses particulares, como xa aconteceu no pasado coa polémica xurdida cando a tenente de alcalde instalou sen cumprir a ordenanza municipal e fixo obras, que afectaron a un paso de peóns, en beneficio particular da terraza do establecemento hostaleiro familiar.

ESPECIAL SEGUIMENTO DA AXUDA

Os populares reclamarán as explicacións oportunas para verificar que o outorgamento da axuda cumpre con todos os requisitos legais e de compatibilidade, pese a evidente irregularidade formal, e pedirán que se efectúe un especial seguimento do cumprimento e das condicións nas que se outorgou a axuda, así como a súa xustificación. Lamentan que o alcalde e a Deputación empreguen recursos públicos que son de todos para un obxectivo de interese tan particular