Lugo 7 de agosto de 2014.- Logo de que a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, anunciase esta mañá axudas para pescadores e mariñeiros da provincia, a voceira do PP no Ente Provincial saíu a palestra e tildou de “insuficientes” as achegas do Organismo Provincial a este sector.
A popular denunciou que a Deputación de Lugo é, das galegas, a que menor contía aporta a este sector e fixo unha comparativa coa de Pontevedra, quen destina 650.000 euros ás confradías, o que supón unha media de 31.000 euros a cada unha (posto que son 21), fronte aos 3.000 euros da lucense.
“Recibe máis unha soa cofradía da provincia de Pontevedra que todas as de A Mariña”- manifestou Candia, quen insistíu en que as axudas de Besteiro a este sector son insuficientes.
A popular tildou de “mero anuncio propagandístico” o convenio anunciado hoxe e asegurou que a cantidade non se axusta a realidade e non é suficiente para satisfacer as necesidades dun sector que xera na provincia lucense máis de 1.600 empregos directos.
Elena Candia lembrou que no pleno provincial celebrado no pasado mes de abril, a Deputación de Lugo votou en contra dunha moción popular na que se lle pedía o incremento do apoio económico ás confrarías de pescadores da provincia dada a importancia da funcionalidade dos pósitos, a relevancia do sector pesqueiro en Lugo e tendo en conta a maiores as condicións climatolóxicas que se deran durante a anualidade e que ocasionaron perdas no sector.
Concluiu a popular insistindo que as axudas anunciadas hoxe “son insuficientes e responden a meros anuncios propagandísticos aos que, por desgracia, nos ten acostumados Besteiro e a Deputación de Lugo”.