Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR REXISTRA UNHA INICIATIVA NO PARLAMENTO PARA QUE SERGAS E ISM COLABOREN CO INTERCAMBIO DE INFORMACIÓN MÉDICA E ASÍ AXILIZAR OS RECOÑECEMENTOS DE EMBARQUE

Santiago, 6 de agosto de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de presentar esta mañá en rolda de prensa unha iniciativa, que foi rexistrada no Parlamento de Galicia, pola que se insta ao Goberno galego a asinar un convenio de colaboración co Instituto Social da Mariña (ISM) que permita o intercambio mutuo de información médica e así axilizar os recoñecementos de embarque marítimo.

José Manuel Balseiro, estivo acompañado do tamén deputado autonómico, Vidal Martínez-Sierra, do deputado nacional, Jaime de Olano e dos alcaldes de Burela e O Vicedo, José María González Barcia e Jesús Novo.

Balseiro explicou que o ISM é o organismo encargado de efectuar estes chequeos médicos, que son obrigatorios e que deben efectuarse con carácter previo ao embarque de todos os tripulantes. Ata o de agora, estas probas poderían demorarse durante varios días o que, en ocasións, implicaba a perda de varias xornadas de traballo no mar destes profesionais, co consecuente prexuízo. Ademais a imposibilidade de acceso ao historial médico do SERGAS por parte dos médicos do ISM facía que, moitas veces, fora preciso repetir probas diagnósticas que acaban de facerse, tales como análises sanguíneos, electrocardiogramas e espirometrías, entre outras.

MÚLTIPLES VANTAXES

Segundo salienta Balseiro coa media proposta polo Grupo Popular, acadaríanse múltiples vantaxes, en especial, unha notable axilización do tempo necesario para efectuar estes recoñecementos médicos, ata o punto de que poderán facerse nun so día. Outras melloras virían aparelladas dun máis correcto diagnóstico e avaliación da situación de saúde e da posibilidade de incorporar ao historial médico do SERGAS as probas efectuadas polos facultativos do ISM e viceversa, acadando unha constante actualización da historia clínica e, todo iso, sen custe nin para o usuario, nin para as administracións.

CONFIDENCIALIDADE GARANTIZADA

Desde o Grupo Parlamentario Popular sinalan que este intercambio de información de carácter sanitario, que figura nas bases de datos tanto do SERGAS como do ISM, permitirá obter uns resultados máis eficaces en materia de saúde laboral e unha máis eficiente protección destes traballadores. Balserio quixo deixar claro que esta actividade pode facerse con totais garantías de confidencialidade e coa consecuente observancia das disposicións en materia de protección de datos de carácter persoal e total respecto das instrucións que poidan adoptarse para salvagarda do uso desta información. En Galicia os profesionais do ISM encargados destas tarefas son exclusivamente persoal sanitario (16 médicos)

GALICIA COS PROFESIONAIS DA PESCA

Balseiro concluíu sinalando a importancia que en Galicia ten articular mecanismos de colaboración nun ámbito como o da pesca que agrupa a máis de 38.000 profesionais, homes e mulleres do mar que nunha gran maioría son tripulantes en máis de 4.800 emarbarcacións marítimas e, en consecuencia, directos beneficiarios desta colaboración proposta polo Grupo Popular