Partido Popular de Lugo

O PP esixe a repavimentación urxente do firme da estrada do Paseo do Rato

Martes, 5 de agosto de 2014.- Os Grupos Municipal e Provincial do Partido Popular esixen a repavimentación urxente do firme da estrada do Paseo do Rato, unha actuación que o equipo de goberno provincial comprometera en 2011 a raíz dunha petición do GMPP.

Os populares destacan que “o malestar dos condutores que empregan cada día esta vía non deixa de aumentar posto que o estado do pavimento cada día se deteriora máis” debido á falta de actuación da Deputación Provincial, que está a ser incapaz de dar resposta ás novas circunstancias de uso desa estrada, que pasou de ser unha vía de acceso ao parque periurbano do Rato a converterse nunha circunvalación da cidade para acceder ao HULA. De feito, a intensidade do tráfico por esta vía multiplicouse por sete tras a entrada en funcionamento do centro sanitario, ao pasar dunha media de 650 vehículos diarios a 4.500.

O vicevoceiro popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, destacou que o asfaltado fíxose cun aglomerado de áridos calizos, un material caracterizado pola súa escasa adherencia, o que, sumado ao desgaste da vía, pode converterse “nunha verdadeira pista de patinaxe”. “O firme desta estrada presenta un estado de desgaste moi acusado, con socavóns e blandóns, o que provoca problemas de falta de agarre e deslizamentos dos vehículos”, subliñou Ameijide.

Así mesmo, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal Popular Antonio Ameijide criticou que a única intervención que realizou o organismo provincial “só serviu para complicar a situación da estrada”, xa que “ao sementar cojines europeos sen ningún criterio técnico aumentaron a inseguridade e a incomodidade dos condutores”. Nesa liña, indicou que estes elementos incumpren as condicións de deseño e colocación e foron colocados de forma asimétrica e incluso no medio das curvas, o que provoca problemas tanto para os motoristas como para os condutores dos vehículos porque os desestabiliza.

“O estado desta estrada é outra proba máis de que Gómez Besteiro esquece que é presidente da Deputación grazas á súa acta de concelleiro por Lugo, un municipio do que se desentende o organismo provincial, como tamén queda patente coa inexistencia dunha praia fluvial prometida durante tanto tempo ou con aquel convenio para un leiraparking que era puro fume”, subliñou o vicevoceiro popular no Concello de Lugo, ao tempo que lembrou que o PSOE rexeitou apoiar unha proposición debatida no salón de plenos municipal a instancias do PP alegando que o que reclamaba o grupo maioritario da corporación “xa se ía cumprir de xeito inminente, pero unha vez máis o tempo volveu quitar as caretas do equipo de goberno municipal e provincial”, sentenciou o popular.

Pola súa banda, a voceira popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, lembrou que “o estado no que se atopa o firme é perigoso tanto para os condutores como para os peóns que camiñan polos sendeiros”, xa que nun só mes (en decembro de 2011) chegaron a producirse cinco saídas de vía, con vehículos que caeron ao río ou ao paseo.

Ademais, Candia tamén criticou que o voceiro socialista na Deputación Manuel Martínez prometera a finais de 2011 unha serie de melloras para esta vía “en canto mellorase a climatoloxía”. “Pasaron tres anos e non adoptaron ningunha solución para incrementar a seguridade”, subliñou a voceira popular no organismo provincial, ao tempo que ironizou con que “é certo que en Lugo chove moito pero nestes tres anos houbo tamén moitos días de sol”. Nesa liña, reclamou á administración provincial que “asuman as súas responsabilidades, xa que se trata dunha estrada de titularidade provincial que ten a obriga de conservar en bo estado, e máis aínda se temos en conta que falamos dunha unha infraestrutura moi insegura na que houbo meses nos que se produciron ata cinco saídas de vía”. Así mesmo, lembrou que dende o ano 2007 a Deputación manexou máis de 122 millóns de euros para novas infraestruturas e reparacións, polo que censurou que “en todo ese diñeiro non atopasen unha mínima parte para proceder a estes arranxos”.

Por último, os representantes dos grupos municipal e provincial do Partido Popular anunciaron que trasladarán este asunto á vindeira sesión plenaria que celebrarán o Concello e a Deputación. No caso do Concello ademais tamén se analizará a proposta do Grupo Municipal do Partido Popular a necesidade de iluminar todo o paseo do Rato así como outras melloras para este contorno que inclúen a adquisición e adecentamento dos terreos situados na confluencia do Miño e o Rato para habilitar alí a praia fluvial.