A Pastoriza, 31 xullo de 2014.- O presidente do Partido Popular da Pastoriza, José Yáñez, denunciou esta mañá que o Concello esqueza aos veciños de Baltar a maiores, engade o popular, de dificultarlles a celebración tanto das festas patronais como da comida anual.
José Yáñez explicou que na praia de Baltar están asentadas tendas dun campamento de scouts, que entorpeceron a celebración, a pasada fin de semana, das festas parroquiais, ao ocupar espazo para o asentamento do palco da orquestra. A maiores, esta fin de semana, engade o popular, os veciños de Baltar teñen previsto a celebración dun xantar na mesma localización.
Neste senso, José Yáñez asegurou que “é suficiente o espazo existente na zona da carballeira, ao outro lado do río, para o asentamento das tendas de campaña sen ter que colocalas sobre o campo da festa”.
Así, o popular explicou que a mala organización do Concello é a que está a limitar que tanto o campamento como as festas e comidas da parroquia de Baltar se podan celebrar sen ningún tipo de dificultade.
Unha parroquia esquecida
O presidente dos populares da Pastoriza tamén se amosou critico co abandono ao que o Concello ten sometida a esta parroquia. “Non se rozaron as pistas, mentres noutras aldeas si o fixeron”, matizou.
A maiores, José Yáñez denunciou o estado no que se atopa o paseo que permite a comunicación da praia fluvial sobre o río. O popular fixo referencia as valas protectoras que se atopan derrubadas sen ser corrixidas polo Concello.