Partido Popular de Lugo

O GMPP pide á Deputación de Lugo dous millóns de euros para a praia fluvial no Parque do Miño

Mércores, 30 de xullo de 2014.- O voceiro do Grupo Municipal Popular Jaime Castiñeira anunciou esta mañá en rolda de prensa que pedirá á Deputación Provincial un compromiso orzamentario duns dous millóns de euros para dotar a Lugo dunha praia fluvial gratuita no Parque do Miño fronte a Arias Nadela.

En concreto, o voceiro popular propón que o organismo provincial asuma o 90% do custe económico que representaría a adquisición e acondicionamento pendentes dos terreos situados no enlace dos paseos do Miño e do Rato, co obxectivo de dotar a Lugo desta zona de baño pública e de completar o parque periurbano duns 10 quilómetros grazas a unha intervención nun treito de 500 metros. Nesa liña, Jaime Castiñeira suxire que Concello e Deputación asinen un convenio para que sexa a administración municipal a que conserve a propiedade tras un investimento que asumiría maioritariamente a institución provincial.

Este convenio permitiría, así mesmo, dar cumprimento ao acordo plenario adoptado por unanimidade a instancias do Grupo Municipal do Partido Popular na sesión celebrada hai xusto un mes, o pasado 30 de xuño. “Trátase de darlle unha solución definitiva a un trámite que leva pendente dende 1999 e no que non se avanzou nada nos catro mandatos de gobernos socialistas, en solitario ou en bipartitos, no Concello de Lugo”, salientou Jaime Castiñeira.

Para Jaime Castiñeira, esta ubicación resulta “idónea” por tres motivos: polas dotacións de aparcamento nas inmediacións (o entorno do Pazo Universitario), polo entorno paisaxístico “envexable, que require de melloras e que merece que os lucenses o coñezan” e pola proximidade dun caneiro cuxa reparación habería que xestionar, o que permitiría elevar o nivel de auga necesario para ubicar alí a praia fluvial.

Iluminación do Paseo do Rato e melloras no sendeiro á Fervenza

Ademais, o popular tamén anunciou que reclamará á Deputación Provincial de Lugo que, no exercicio das súas competencias, leve a cabo a instalación de iluminación ao longo do paseo do Rato e o acondicionamento do sendeiro que vai entre a desembocadura deste río e a zona coñecida como A Fervenza.

Deste xeito, o popular lembrou que a dotación de puntos de alumeado ao longo de todo o paseo do Rato, xa que neste momento “o que temos son 3 quilómetros totalmente a escuras, con puntos de luz só nos cruces da Tolda e Castelo, na ponte de pedra sobre o Rato que comunica con Cela, nunha das pistas que baixa da Ronda das Fontiñas e á altura do restaurante”. “Ter unha mellor iluminación contribuiría, ademais, a mellorar a seguridade e permitiría a utilización desta paseo durante máis tempo por parte de quen a usan para correr ou ir en bicicleta”, salientou Castiñeira.

Ademais, os populares tamén reivindican o acondicionamento do sendeiro situado entre a desembocadura do Río Rato e a zona coñecida como A Fervenza, “que presenta un estado de deterioro notable que debera corrixirse canto antes”.

Proposición plenaria

Por último, Jaime Castiñeira explicou que canalizará esta proposta como unha proposición ao pleno do vindeiro 1 de setembro, co obxectivo de que exista un posicionamento “claro” da corporación ao respecto. Así, indicou que “agardo que os lucenses poidamos sentir o compromiso da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, na súa calidade de concelleiro por Lugo”, polo que a súa votación “será clarificadora da vontade por dar solucións a estas vellas reivindicacións e demandas”. “Ademais das propostas cidadás e das asociacións, a Deputación Provincial tamén debe atender as propostas das corporacións, que representan ao conxunto dos veciños”, concluíu o popular.