O Grupo Provincial Popular avogou hoxe por instar ao Goberno do Estado para que traballe na supresión dos pasos a nivel de Monforte coa mellor solución que sexa posible e os prazos que permitan as dispoñibilidades orzamentarias establecidas nos Presupostos do Estado. Os populares defenden así, como viñeron facendo ata o de agora, a supresión dos pasos a nivel de Monforte co único obxectivo de aumentar a seguridade e evitar o perigo para os cidadáns.
Ao mesmo tempo, o Grupo Provincial do PP insta ao Goberno Central a que se manteña a planificación do trazado previsto para a liña Ourense-Lugo definido no estudo informativo da nova liña de alta velocidade Ourense-Monforte-Lugo, tal e como ten comprometido o Ministerio de Fomento, así como a variante de Monforte, que traerá consigo a eliminación dos pasos a nivel.
Unha actuación prioritaria
O Grupo Provincial Popular lamenta que tanto PSOE como BNG non aceptaran a emenda do PP na que se insta ao Goberno do Estado para que traballe na eliminación dos pasos a nivel coa mellor solución que sexa posible. A voceira do PP na Deputación, Elena Candia, defende que para o seu grupo “á supresión dos pasos a nivel na Cidade do Cabe é prioritaria, como tamén o é para o Ministerio de Fomento e nesa liña se está a traballar”, explica.
Elena Candia defende a solución proposta no estudo informativo de 2011 no que se mantén a estación do ferrocarril na posición céntrica actual, pero evitando que os trens sen parada pasen polo núcleo urbano e suprimindo todos os pasos a nivel que existen, un total de seis.
Os populares precisan que, mentres a actuación prevista non se acometa, os seis pasos a nivel urbanos seguirán contando con protección de clase C (semibarreiras), o máximo nivel de protección que establece a normativa vixente, aínda que agardan que poida ser unha realidade “canto antes”.