Partido Popular de Lugo

O GPP forzou un voto favorable de PSOE e BNG dirixido a poñer fin á desatención da Deputación a un sector estratéxico na provincia como é o forestal

Lugo 29 de xullo de 2014.- O Grupo Provincial Popular forzou un voto favorable de PSOE e BNG dirixido a poñer fin á desatención da Deputación a un sector estratéxico na provincia como é o forestal.

En concreto, o Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo logrou sacar adiante por unanimidade unha iniciativa para que a administración provincial colabore coa Xunta de Galicia no fomento do uso da biomasa forestal.

Os populares presentaron esta moción ao considerar que o apoio a cantos proxectos estean dirixidos ao aproveitamento deste recurso tan abundante na provincia de Lugo contribuirán á creación de emprego e beneficiarán o desenvolvemento económico do medio rural.

O GPP lembrou que Lugo é unha das provincias que se verá máis beneficiada pola aposta da Xunta de Galicia no seu impulso a Estratexia de Impulso á Biomasa 2014-2020, xa que é a que ten máis superficie forestal da comunidade.

Deste xeito, o Grupo Provincial do Partido Popular considerou que a ambición e relevancia dos obxectivos a acadar esixen do compromiso, colaboración e apoio de todas as administracións e, entre elas, da Deputación de Lugo.