O Partido Popular de Meira defende o bo estado das instalacións e dos recursos naturais municipais e lembran investimentos superiores aos 120.000 euros para o seu coidado e posta en valor.
Os populares fixeron estas declaracións logo das críticas vertidas en prensa polo voceiro socialista, Antonio de Dios, e representantes provinciais do PSOE. O Partido Popular de Meira tachou de “atrevemento” as declaracións dos socialistas, cuxa única aposta polos recursos naturais do Concello se resume na colocación dunha placa no muíño.
Agradecemento aos traballadores e compromiso do Concello
Os populares de Meira quixeron agradecer aos traballadores do Concello o seu esforzo, que está a permitir, en momentos de poucos recursos, o mantemento en bo estado das instalacións e dos recursos municipais “sen necesidade de externalizar o servizo como facía o anterior alcalde, o socialista De Dios”.
Deste xeito, o Partido Popular lembra o compromiso do actual goberno municipal que a través da Confederación Hidrográfica do Miño Sil limparon máis de 10 quilómetros das marxes dos ríos cun investimento de 40.000 euros. “De que se está a preocupar De Dios cando a súa aposta polos recursos naturais foi a colocación dunha placa no muíño?”, pregúntanse dende o PP.
A maiores de recuperar as marxes dos ríos e a súa limpeza das prantas invasoras que provocaban feísmo e incluso inundacións, o Partido Popular de Meira resalta a creación da área recreativa “unha sinal de identidade do concello”, na que ultimamente se investiu máis 70.000 euros en recuperar o paseo das Barreiras en nun proxecto de valoración dos recursos naturais do parque. De igual maneira, os populares anuncian o inminente investimento de 12.000 euros para cambiar as barandas e os bancos do parque; así como colocar outros novos.
Neste senso, dende o Partido Popular de Meira lembran a promesa electoral do voceiro socialista de instalar aparcadoiros no parque, mentres que coas súas últimas declaracións está a evidenciar que o considera un recurso importante para este Concello.
Socavón na LU-P-3006
Os populares de Meira tamén amosaron a súa sorpresa ante o feito de que o voceiro socialista e os representantes do PSOE provinciais non aproveitaran a ocasión para visitar o estado que presenta a estrada provincial LU-P-3006 de Meira a Pastoriza.
Dende o Partido Popular do concello meirego explican que esta vía de responsabilidade da Deputación Provincial de Lugo presenta dende fai máis de dous meses un socavón con grandes dimensións, que supón un importante risco para os condutores.
A circunstancia foi comunicada polo Concello á Deputación de Lugo que non atendeu a petición. O Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo presentará un rogo no próximo pleno da institución para que a Deputación adecúe esta vía.
Oficina de Turismo
No referente á baixa da persoa responsable da oficina de turismo, os populares lembran o esforzo do equipo de goberno nesta área xa que dispón dun traballador todo o ano para este fin.
Porén, os populares explican que o incumprimento da Deputación co servizo de axuda no fogar básico obriga ao equipo de goberno a priorizar as baixas e cubrir as do persoal de servizos sociais “para que non quede ningún dos maiores sen atender”. “O turismo lévase directamente dende as oficinas do Concello”, matizan.