Partido Popular de Lugo

O GPP pídelle a Besteiro que tamén escoite aos alcaldes na elaboración dos orzamentos participativos

A voceira do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, acompañada de deputados provinciais e alcaldes lucenses anunciou esta mañá que na próxima sesión plenaria lle pedirán a José Ramón Gómez Besteiro, presidente da institución lucense, que tamén escoite aos alcaldes na elaboración dos orzamentos participativos.

A popular explicou que dentro do contexto que está a vender o socialista para facer partícipes ás asociacións no deseño dos orzamentos; levarán unha iniciativa para o seu debate e votación na próxima sesión plenaria á petición dos rexedores. Esta mesma proposta será trasladada tamén aos plenos dos 43 concellos gobernados polo Partido Popular.

Na moción, o Grupo Provincial do Partido Popular solicita que na liña da mecánica instaurada polo ente lucense para a elaboración dos orzamentos participativos, atenda tamén ás peticións dos alcaldes, principais representantes e interlocutores das necesidades dos veciños e veciñas.

Deste xeito e para que o presidente provincial teña coñecemento das demandas municipais e lle dea translado aos orzamentos, os populares solicitan a celebración de reunións de alcaldes que, por exemplo e por operatividade, -matizan-, se poden levar a cabo por partidos xudiciais.

O Grupo Provincial do Partido Popular en varias ocasións manifestou a súa posición a prol da participación cidadá na elaboración dos orzamentos co obxecto de “lograr maior transparencia, eficacia e eficiencia na xestión provincial”, explicou Elena Candia, quen engadiu que “consideramos necesario que esa apertura ás aportacións da cidadanía sexa extensible aos alcaldes, como representes directos dos concellos e voces dos veciños e veciñas da provincia”.

Besteiro non coopera cos concellos

“A Deputación ten como principal encomenda a de cooperar cos concellos e deste xeito atender a todas e cada unha das administracións locais, xa que para que a cooperación funcione precisa do bo coñecemento das necesidades municipais froito do diálogo cos concellos”, explicou Candia, suscribindo as palabras de Besteiro durante un discurso de investidura no ano 2007 ao que a popular cualificou de “exclusivamente teórico”.

A análise ao longo destes sete anos, demostra, segundo comprobou a voceira dos populares, que Besteiro incumpriu e mentiu. “Non traballa para todos, senón para uns poucos; non respecta aos alcaldes como a voz do municipalismo e enxordece ante as súas peticións”, dixo Candia, quen matizou que “os alcaldes non senten á Deputación ao carón para apostar polo desenvolvemento da provincia”.

Así, como exemplo de feitos que non avalan os compromisos de Besteiro, a popular asegurou que “temos o peor POS (Plan de Obras e Servizos) das catro deputacións galegas, no que os concellos achegan máis para obras municipais ca propia Deputación”.

Pero, “por se fora pouco”, matizou Candia, “podemos dicir que 15 concellos da mesma cor política do equipo de goberno recibiron nun ano máis diñeiro a través de subvencións excepcionais, que 67 concellos xuntos en catro anos do POS”.

A maiores, Besteiro non cumpre coa lexislación vixente en materia de Benestar, ao non sufragar o total do custo do servizo de axuda no fogar básico e deixar ao descuberto o 84%. “Os veciños deben saber que se nos seus concellos poden dispoñer do servizo de axuda no fogar básico, débese ao esforzo do alcalde e mesmo dos propios residentes”.

A situación é tal, explicou Candia, que Besteiro prefire “deixar sen gastar o diñeiro, antes de que os concellos se beneficien del”. A voceira fixo esta declaración amparándose en datos como que no 2012 se deixou sen comprometer en emprego máis de 4,7 millóns de euros; e no plan de subvencións do 2011 máis de 140.000 euros en benestar.

Besteiro enxordece ante as peticións dos alcaldes

“Besteiro enxordece ante as numerosas peticións de reunións e escritos de alcaldes das que non tiveron resposta e mesmo nunca chegou a recibir”, asegurou a popular, quen volveu a facer uso das palabras pronunciadas por Besteiro no seu discurso do 2007 e que quedaron en papel mollado, ao explicar que “temos que encamiñarnos cara a unha compensación na que os concellos deixen de ser a eterna cincenta que recibe pouco, pero traballa moito”.

Ante isto, Candia pregúntalle a Besteiro se cree que “está cumprindo a Deputación cos concellos da provincia cando algún municipio recibe só de media 20.000 euros ao ano e cando hai localidades que perciben o dobre para proxección de películas, ciclos de ponencias e maxias con títeres a través de convenios excepcionais”.