Partido Popular de Lugo

O PP da Fonsagrada denuncia que a Deputación non realiza as tarefas básicas de conservación na estrada LU-P-1903

O Partido Popular da Fonsagrada denuncia o estado de abandono ao que a Deputación Provincial de Lugo ten sometida á estrada LU-P-1903 (de Paradavella a Piñeira), sobre a que a administración lucense “non realiza as tarefas básicas de conservación”.

A inexistencia ou falta de limpeza das cunetas para canalizar as augas superficiais provoca o arrastre de materiais sobre a estrada, xunto a formación de charcos e a posterior aparición de baches e desgaste do pavimento.

Dunha maneira máis concreta, o voceiro dos populares locais, Tobías Martínez, explica que “cada vez que hai unha tormenta os veciños da parroquia de Piñeira teñen que sortear pedras, terra e vexetación sobre a calzada”, co conseguinte risco que esta circunstancia entraña para a circulación de vehículos.

“Practicamente non hai cunetas nin taxeas e as que hai non se limpan”, reitera o popular, quen engade que as zonas de Escouride e o acceso a Goxe-Mido son as máis afectadas. En concreto e neste último punto, a estrada xa resultou cortada ao tráfico a raíz dunha inundación, porén “a taxea segue sen limparse e os materiais (terra, area e vexetación) introdúcense nos tubos dificultando o drenaxe da auga e provocando que esta circule sobre o pavimento causando serios problemas”

A maiores, o popular lamenta que a Deputación Provincial de Lugo ademais de non realizar os acometidos básicos de limpeza das cunetas, tampouco retira o escombro depositado sobre a estrada.

Deste xeito, o Partido Popular da Fonsagrada úrxelle a Besteiro que en cumprimento coas súas competencias realice as tarefas de conservación en cunetas, co único obxecto de evitar o deterioro da estrada e o risco que carrea esta situación para o tráfico.  “Esta estrada, xunto coa de Fonsagrada-Navia, de non tomarse medidas urxentes, vai necesitar de semáforos para regular o tráfico”, conclúe Tobías Martínez.

Co obxecto de trasladar esta reivindicación dos veciños e do Partido Popular da Fonsagrada, o Grupo Provincial do PP rexistrará un rogo na Deputación para que o presidente da administración lucense atenda esta petición.