O Partido Popular de Mondoñedo presentará unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria local na que instará ao Concello de Mondoñedo a dirixirse á Deputación de Lugo para que realice acometidos de mellora na estrada provincial LU-P-3103 na parroquia de Santa María Maior.
Os populares locais fixéronse eco desta demanda trasladada polos veciños dunha parroquia que durante o goberno do bipartito en Mondoñedo se está a converter “nunha das principais esquecidas para o alcalde”, que de forma reiterada desoe as súas peticións.
O Partido Popular de Mondoñedo explica que a vía presenta un mal estado do firme, con fochas, que urxen unha adecuación inmediata, coa finalidade, entre outras, de mellorar a seguridade nunha estrada xa perigosa por ter un trazado con importantes curvas.
Deste xeito, os populares agardan que Orlando González sexa quen de atender ás peticións dos veciños recollidas na moción do Partido Popular e apoiar un acordo no que se lle urxe á Deputación Provincial de Lugo que de xeito inmediato realice actuacións de mellora nesta vía.
Estrada que transcorre á carón do embalse do Baos
Na iniciativa plenaria, o Partido Popular de Mondoñedo tamén pedirá de novo que a Deputación Provincial de Lugo vale a estrada que transcorre á carón do embalse do Baos.
Os populares tanto de Mondoñedo como de Lourenzá xa urxiron en reiteradas ocasións que a Deputación corrixa a perigosidade que se dá nesta estrada que comunicada a parroquia de Santa María Maior coa laurentina de Santo Tomé.
Segundo lembran dende o PP, hai máis de tres anos e medio que a vía non ten protección á altura do embalse mentres a día de hoxe a Deputación Provincial de Lugo segue a facer oídos xordos.