Lugo, 18 de xullo de 2014.- O deputado do Grupo Popular e Secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, salientou o acordo adoptado polo Consello da Xunta no día de onte que permitirá que ás dezasete Escolas infantís da rede da Xunta na provincia (A galiña azul) apliquen desde setembro a exención total do pago a partir do segundo fillo que acuda ao mesmo centro.
Os beneficiarios serán as familias con menos recursos, en concreto, aquelas que dispoñan dunha renda pér cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais. Así mesmo, os menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar poderán beneficiarse tamén desta actuación na exención do pagamento.
Balseiro explicou que a exención no pagamento a partir do segundo fillo que acuda á mesma escola infantil forma parte das actuacións recollidas no Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, aprobado no Parlamento de Galicia o ano pasado co obxectivo de acadar a recuperación demográfica de Galicia.
A iniciativa do Goberno galego está destinada especificamente a apoiar as familias e, especialmente, a aquelas persoas que deciden ter dúas ou máis fillas ou fillos, xa que estas familias son as que están a facilitar o relevo xeracional establecido en 2.1 filla ou fillo por muller en idade fértil.
A decisión contribúe, ademais, a reforzar a aposta da Xunta por facilitar ás familias a conciliación da vida familiar e laboral.
PROVINCIA DE LUGO
Na actualidade a rede de Escolas infantís que contan co apoio da Xunta na provincia de Lugo acolle 17 centros sitos nos concellos de A Fonsagrada, Alfoz, Antas de Ulla, Burela, Chantada, Foz (2 centros), Lugo (2 centros), Mondoñedo, O Valadouro, Pantón, Quiroga, Ribadeo, Taboada (2 centros), Vilalba e Viveiro
Estes centros na provincia lucense suman 933 prazas, o que supón, un incremento do 40 por cento de prazas públicas en escolas infantís con respecto a 2009. Ademais, o Goberno galego ten en planificación outras escolas novas para esta provincia, como a de Burela que contará con 41 prazas, e na propia cidade de Lugo que terá 82 prazas. Esta última construirase no marco dun convenio coa Fundación Amancio Ortega.
Cómpre sinalar que a oferta pública en escolas infantís, a Xunta oferta o cheque infantil para preto ás familias que se queden sen praza na rede pública. Trátase dunha axuda económica para axudar a financiar a escola privada que escollan.
Na actualidade, as prazas sustentables con fondos públicos (escolas da Xunta, municipais, de iniciativa social subvencionadas e o cheque infantil) ascenden a 19.201 en Galicia.