Partido Popular de Lugo

A Deputación de Lugo deixa ao descuberto máis do 84% do Servizo de Axuda do Fogar

Lugo, 18 de xullo de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular explica que coa aprobación hoxe en Xunta de Goberno das subvencións destinadas a gastos correntes do Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de prestación básica (SAF Básico), a Deputación Provincial de Lugo continúa a asentarse nunha política de insensibilidade e de castigo aos maiores e dependentes ao deixar durante este 2014 e, “un ano máis”, ao descuberto como mínimo un 84% do Servizo de Axuda no Fogar.

Os populares explican que a contía total que se consigna nas diferentes subvencións concedidas maniféstase de novo insuficiente para garantir a prestación dos servizos sociais na provincia e non garante que a Deputación cumpra co mínimo competencial que se regula na normativa en vigor, o decreto 99/2012 de 16 de marzo.

Deste xeito, dende o GPP lamentan que as decisións da Deputación obriguen aos veciños e aos Concellos a cubrir o custo do SAF ante a política de “insensibilidade” dos responsables institucionais Besteiro (como presidente da Deputación) e Veiga (como deputado que asume competencias de benestar). “Socialista e nacionalista aférranse a non dar cumprimento a esta normativa, preferindo deixar, incluso, sen gastar a partida destinada a benestar tal e como aconteceu na anualidade de 2011”.

Só un de cada 16 euros

“Só un de cada 16 euros, será o que achegue a Deputación Provincial de Lugo durante o 2014”, reiteraron os populares, ao que engadiron que esta porcentaxe de colaboración da Deputación probablemente se volva máis inferior cando se analicen os datos en relación co custo total que supuxo o servizo a finais de ano.

Os populares realizan a comparativa do que aporta a Deputación este ano para o SAF 2014 respecto ao custo total do servizo durante a pasada anualidade, porén, a contía do Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de prestación básica a finais de 2014, previsiblemente sexa moi superior respecto ao 2013. “O incremento do servizo entre 2012 e 2013 foi de 1,5 millóns de euros”, exemplificaron os populares.

A Deputación adebeda aos concellos máis de 5,4 millóns do SAF durante 2012 e 2013

A Deputación adebeda aos concellos máis de 5,4 millóns do SAF durante 2012 e 2013, unha cifra que irá en aumento; ao finalizar este ano.

Ante esta situación, os populares fixeron reivindicacións constantes para que a Deputación cumprise co decreto; atopándose sempre coa negativa do PSOE e do BNG que asenta a Deputación de Lugo na única administración provincial galega que non cumpre con este servizo.

Así, os populares pregúntanlle a Besteiro e a Veiga se ven suficiente achegas de 800 ou 1.000 euros a concellos nos que o SAF supón como mínimo un investimento de 8.000 ou incluso 18.000 euros.

Orzamentos participativos
O Grupo Provincial do Partido Popular considera que tanto Besteiro como Veiga teñen agora a oportunidade a través da elaboración dos orzamentos participativos de darlle cumprimento a demanda en materia de benestar que en reiteradas ocasións lle pediron tanto o PP coma os veciños.