Partido Popular de Lugo

OS DEPUTADOS MARIÑANS DO GRUPO POPULAR ANUNCIAN A INMINENTE ADXUDICACIÓN DO PLAN DIRECTOR DO HOSPITAL DA COSTA

Santiago, 14 de abril de 2014.- Os deputados do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro Orol e Vidal Martínez-Sierra anunciaron a inminente adxudicación do plan director do Hospital da Costa, isto, é do proxecto técnico que determinará, de xeito detallado, como deben ampliarse as estruturas e servizos do centro hospitalario da Mariña lucense.

Os populares mantiveron esta mesma tarde, con ocasión da sesión plenaria do Parlamento de Galicia, unha xuntanza coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na que a titular deste departamento autonómico explicoulles os pasos que o Goberno galego ten previsto dar nos próximos 15 días para desbloquear e executar o esperadísimo proxecto.

Este mesmo mércores reunirase a Mesa de Contratación que se encargará da apertura do sobre A. Tras iso haberá un prazo de tres días para corrixir posibles deficiencias e, xa na semana próxima terá lugar a última xuntanza da Mesa de Contratación que realizará a proposta sobre cal das ofertas presentadas é a que se encargará da execución  definitiva do plan director de tal xeito que xa quedaría listo e pendente para a súa adxudicación formal.

O PROXECTO MÁIS AMBICIOSO E ESPERADO DA MARIÑA

Os populares din que este anuncio é unha noticia estupenda e moi esperada para a Mariña xa que suporá a materialización do compromiso adquirido polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo que se comprometeu a ampliar, modernizar e mellorar a primeira  infraestrutura sanitaria da comarca.

A inminente adxudicación anunciada hoxe, vén blindar unha actuación que busca dotar o Hospital da Costa de máis capacidade para prestar un servizo público hospitalario en mellores condicións de capacidade asistencial e de confort hospitalario, logo de máis de 25 anos de actividade.

UN PASO DECISIVO: A ADXUDICACIÓN DO PLAN DIRECTOR

Cómpre lembrar que este é un paso máis despois de que a finais do mes de maio do 2013 a Xunta procedese á licitación deste proxecto e á apertura dos trámites administrativos que finalizarán a semana próxima coa adxudicación definitiva.

Desde o Grupo Popular lembran que, segundo o previsto no propio documento, logo da adxudicación disporase dun prazo de execución de seis meses para elaborar o proxecto definitivo, o que supón xa un horizonte temporal para quizá o proxecto máis ambicioso dos comprometidos polo Goberno galego na comarca.