Cervo, 11 de xullo de 2014.- O PP de Cervo quixo desmarcarse dunhas enquisas telefónicas que, con número oculto, se veñen realizando nas últimas semanas e están a provocar certo malestar entre algúns veciños do municipio.
Os populares descoñecen se estas sondaxes están encargadas por algunha empresa, institución pública ou partido político da oposición pero, en todo caso, son moitos os veciños molestos pola falta de transparencia das consultas, e salientan este é precisamente o feito que causa malestar.
CANDIDATOS DO PSOE
Como curiosidade apuntan que na enquisa se pregunta pola valoración de tres persoas vinculadas ao PSOE, como posibles candidatos nunhas eleccións municipais: a actual portavoz, Lara Méndez, a súa número dous, Beatriz Vázquez Monroy e un sindicalista que formou parte da candidatura socialista.
Os populares consideran que este interese repentino pola persoa que pode encabezar a candidatura do PSOE fai sospeitar sobre a posible autoría pero tamén pon de relevo que o liderado socialista local está en entredito.
Na enquisa tamén se interesan pola valoración que os entrevistados lle merece o alcalde e o portavoz do BNG.