Lugo, 4 de xullo de 2014.- A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, mostrou a súa sorpresa logo de que Gómez Besteiro acudise a Viveiro a recoñecer que a principal preocupación dos mariñáns é o emprego, cando deixou fora do plan de emprego a todos os veciños dos concellos cos que se reuniu.
Concretamente, “a todos os cidadáns que corresponden ao partido xudicial de Viveiro, Besteiro privounos de participar no plan de emprego”- lembrou Candia, quen engadiu que con esta actuación, Gómez Besteiro demostra que as reunións dos orzamentos participativos son un claro exemplo da súa contradición.
Candia afirmou que os veciños pedíronlle a Gómez Besteiro o que él lles negou e algo polo que os populares mostraron no seu día as súas reivindicacións posto que consideraban que o presidente da Deputación de Lugo estaba a xogar cos desempregados.
A popular lembrou que na conta xeral do ano 2012, Gómez Besteiro deixou partidas sen executar, o que significa, diñeiro sen comprometer na área de emprego; concretamente, 2.764.033 euros na partida para fomento do emprego e 1.998.626 euros no pacto provincial polo emprego, convertindo así a de Lugo, como a única Deputación galega que se negou a asinar un programa de emprego en colaboración coa xunta.
Concluíu a voceira dos populares na Deputación, Elena Candia, afirmando que ante esta realidade, estas xornadas demostran que son simplemente un paripé e unha posta en escena porque ata o de agora Gómez Besteiro fixo oídos xordos a estas e outras reivindicacións.