Partido Popular de Lugo

O PP de Mondoñedo salienta o compromiso da Xunta por xerar emprego no municipio

Mondoñedo 3 de xullo de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo pon en valor o compromiso do Goberno Galego por xerar emprego na cidade mindoniense.

Os populares agradecen á Xunta de Galicia o apoio que ofrece ao municipio en material laboral e explican, con accións e feitos concretos, en que iniciativas se está a materializar este compromiso.

Así por exemplo salienta o PP mindoniense a recente concesión dun novo obradoiro de emprego, unha iniciativa conxunta cos concellos de Alfoz e Valadouro e que permitirá a contratación de 20 desempregados para formarse na especialidades de viveirismo, xardinería, escaiola e pintura.

A Xunta achegará un investimento superior aos 180.000 euros para a posta en marcha deste obradoiro que, sinalan os populares, é o segundo do que se benefician en Mondoñedo, tras o que se desenvolveu nas pasadas anualidades, conxuntamente con Lourenzá e Barreiros e que daquela permitiu a contratación de máis dunha vintena de desempregados para adquirir unha primeira experiencia laboral nos ámbitos de albanelería e carpintería

BRIGADAS FORESTAIS E OFICINA DE TURISMO

Por outra banda, os populares resaltan, que outra mostra deste compromiso, está patente nas brigadas antiincendios, un servizo moi necesario para o que a Xunta de Galicia, concretamente a Consellería de Medio Rural e Mar,  destinou preto de 30.000 euros e que permitirá, unha vez se proceda á sinatura do convenio, que cinco persoas sexan contratadas.

A este apoio hai que sumar os 8.000 euros que a Xunta achega, por segundo ano consecutivo, para sufragar os custes de contratación do persoal da oficina de turismo desde o mes de xuño ata outubro, reforzando un servizo tamén de notable relevancia nun concello ao que se achega un importante número de turistas durante a época estival.

Manifestan os populares que a concesión destes obradoiros contrastan co esquecemento da Deputación, quen a pesar de estar gobernada polo PSOE e BNG, ao igual que no Concello, puxo en marcha un plan de emprego que deixou fora ao municipio e a tódolos veciños desempregados mindonienses.

Así as cousas, os populares afirman que este compromiso en materia de emprego da Xunta é unha realidade , o que manifesta ao mesmo tempo, que o Goberno Autonómico é un executivo aberto, comprometido e ao servizo de tódolos concellos, sexan da cor que sexan.