Ribadeo, 3 de xullo de 2014.- O presidente do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad reprochou ao alcalde, o nacionalista Fernando Suárez, que se permita o luxo de renunciar a entre seis e doce novas contratacións subvencionadas pola Xunta, ao non solicitar o convenio que o Goberno galego ofreceu a todos os concellos da comunidade para a posta en marcha das brigadas contraindencios.
O dirixente popular censura a actitude insensata do rexedor nacionalista e a súa falta de sensibilidade tendo en conta que esta decisión tería permitido dar unha oportunidade de acceder a un posto de traballo ás persoas que puideron ser contratadas, precisamente nun municipio no que, segundo os últimos datos oficiais, máis de 700 veciños se atopan parados.
O presidente popular explicou que un concello das características de Ribadeo podería ter solicitado incluso dúas brigadas contraincendios, cada unha delas compostas por seis operarios, subvencionadas no 75% do seu custe directamente pola Xunta de Galicia.
Os populares suman estes novos reproches aos xa efectuados no momento de coñecerse que Ribadeo, xunto con O Valadouro, eran os únicos concellos da Mariña lucense que renunciaban á posta en marcha das brigadas municipais.
Daquela os populares, en voz do seu presidente, xa alertaron da irresponsabilidade e imprudencia desta decisión do alcalde, xa que supón prescindir dun servizo esencial na prevención e loita contra o lume, nun concello que –como puidemos comprobar nas últimas datas- a actividade incendiaria é elevada e, de feito, Ribadeo ten sufrido os lumes forestais máis importantes da comarca.