Lugo, 27 de xuño de 2014.- O Valedor do Pobo dá a razón ao Grupo Provincial do Partido Popular e pídelle á Deputación que mellore o nivel de detalle informativo dos decretos de ordenación de pagos que emite este organismo, en aras a garantir unha maior transparencia.
O GPP veuse na obriga de presentar unha queixa ante o Valedor do Pobo despois de que o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro mudase, coa intención indisimulada de facelos máis opacos, os detalles das facturas que aparecían incluídas nos decretos de Presidencia. Este cambio encriptaba os pagos, eliminando o concepto en virtude do cal se realizaban as liquidacións.
Agora, o Valedor do Pobo ordéalle á Deputación que volva á práctica anterior, -cando os decretos incluían datos tales como nome, data, número de factura, importe e concepto-, e alerta no informe que se trata dunha “circunstancia cambiada sen que se dera conta das razóns xustificativas”.
Deste xeito, o Valedor do Pobo nas súas conclusións dá un tirón de orellas á Deputación Provincial emprazándolle a mellorar a práctica no terreo da transparencia e a facilitar o acceso rápido á información relevante, como instrumento do exercicio do dereito de información dos deputados provinciais.
Un cambio dado tras importantes polémicas públicas
Os populares lembran que nun principio os decretos nos que se aprobaban as facturas incluían varios conceptos que permitían facer viable unha correcta fiscalización. Porén, estas circunstancias deron lugar a importantes polémicas, como consecuencia do destino final dos fondos que figuraban nas facturas. O GPP lembra que este foi o caso da confirmación dun pago autorizado por Besteiro con diñeiro público, para comidas correspondentes a citas congresuais da UXT.
Desde esa data, e previsiblemente ao obxecto de evitar que podan repetirse estas situacións nas que se pon de relevo o actuar irresponsable do Goberno provincial, a Deputación mudou os detalles das facturas incluídas nos decretos de Presidencia, resolvendo en tan só unhas liñas os recoñecementos e ordes de pago autorizados.
No seu informe, o Valedor do Pobo dá por confirmado que agora nas ordes de pago non se inclúe o concepto das facturas. Neste senso, o Valedor matiza que “esta práctica non é ilegal dende o punto de vista da ordenación económica, pero si dificulta sen motivo o coñecemento dun dato relevante, a causa do pago, posto que obriga a levar a cabo a consulta dos expedientes”. Este feito contrasta cos continuos intentos de Besteiro de lavar a súa imaxe e presumir de transparencia, aínda que os feitos obxectivos despois deixen en evidencia as prácticas oscurantistas nas que incorre o bipartito para ocultar o destino final dos pagos que autoriza.
Besteiro suspende en transparencia
Os populares aclaran que o Valedor do Pobo explica na súa conclusión que “esa necesidade de pedir os expedientes por non contar co dato indicado pode levar a ter que reclamar moitos deles para coñecer o seu detalle, o que podería ser interpretado como unha iniciativa de control desproporcionada, algo que se descarta de forma directa coa anterior práctica, máis acorde co principio de fácil acceso na implantación de prácticas de transparencia informativa”.
Polo tanto, o Valedor recórdalle a Besteiro a obrigatoriedade de cumprir o principio de fácil acceso na implantación de prácticas de transparencia informativa.