Partido Popular de Lugo

O PP pedirá en pleno o adecentamento da entrada ao parque do Cemiterio Vello dende a rúa Rocha de Vélez

Mondoñedo, 27 de xuño de 2014.- O Partido Popular levará unha moción ao próximo pleno da corporación local na que solicita que se inicie de xeito inmediato o adecentamento da entrada ao parque do Cemiterio Vello dende a rúa Rocha de Vélez.

Os populares explicaron que esta localización ten un estado “absolutamente criticable”, a maiores de tratarse dun entorno “inseguro e perigoso pola maleza que medra e máis polo incremento dos animais que nacen nese estado máis propio da selva que dun casco histórico”.

Esta situación leva a continuas peticións dos veciños para adecuar este enclave e que se restableza a seguridade, e que agora son trasladadas polo Partido Popular a través dunha moción plenaria.

Posible localización para habilitar zonas de estacionamento

Na súa iniciativa plenaria, os populares tamén lle piden ao equipo de goberno local que estude a posibilidade de posta en valor deste entorno, con respecto á normativa urbanística, xa que se trata dunha localización idónea para a creación de prazas de estacionamento “tendo en conta a súa proximidade ao centro histórico e máis dada a necesidade de que se creen aparcamentos ao ter en conta a inminente prohibición do equipo de goberno de estacionar na Praza da Catedral”.