Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO GALEGO APROBOU HOXE A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA QUE A XUNTA CREE UN ITINERARIO DE INTERESE CULTURAL NOS CONCELLOS LUCENSES DE SARRIA, SAMOS E O INCIO

Santiago, 26 de xuño de 2014.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia para a creación dun itinerario de interese cultural nos concellos lucenses Sarria, Samos e O Incio vinculado á zona arqueolóxica da Serra de Santa Mariña, ao xacemento castrexo de Formigueiros, ao Santuario de Santo Eufrasio e á Igrexa do Hospital. Así mesmo, a iniciativa parlamentaria defendida polo deputado popular Ángel Camino Copa demanda que se estude se procede impulsar a declaración do castro de Formigueiros en Samos como ben de interese cultural, así como a difusión e posta en valor da serra de Santa Mariña.

Ángel Camino manifestou que os concellos de Sarria, Samos e O Incio “están comunicados por un interesante itinerario cultural que, partindo do Camiño de Santiago en Castrocán (Samos) remata na igrexa de San Pedro Fiz no Hospital de O Incio, totalizando un percorrido de 19 quilómetros”. A proposta aprobada polo Pleno incorpora, ademais, incluír neste itinerario cultural a ruta de sendeirismo que desde o castro de Formigueiros, alto do Carballal e Carreira da Auga conduce a Samos, exhortando á administración titular a que garanta o seu estado de transitabilidade.

A proposición tamén solicita o impulso de medidas de identificación, sinalización e divulgación do itinerario de interese cultural, tanto a través de publicacións específicas como coa utilización da rede de albergues de competencia autonómica e estatal.

CATRO PUNTOS DE INTERESE

Neste sentido, o deputado popular destacou neste itinerario “catro puntos de interese cultural, histórico e patrimonial que deben ser obxecto de posta en valor, recoñecemento e potenciación”. O primeiro deles é a zona arqueolóxica e necrópole de Santa Mariña, declarada como ben de interese cultural e na que están catalogados 293 xacementos megalíticos, erixíndose como unha das máis relevantes concentracións de arquitecturas tumulares de todo o noroeste peninsular.

Un segundo punto de interese é o castro de Formigueiros en Samos, que data da Idade de Ferro e está considerado como un dos máis monumentais de Galicia.

O seguinte punto do roteiro é o Santuario de Santo Eufrasio no Val do Mao en O Incio, denominado así por estar situada alí a tumba deste santo, un dos varóns apostólicos que acompañaron a Santiago na súa tarefa de evanxelización.

Por último, Ángel Camino destacou a igrexa de San Pedro Fiz do Hospital, a 11 km do Val do Mao. Trátase dun templo románico do século XII, declarado monumento nacional en 1981, que está acompañado dos restos dunha torre con ventá gótica que o comendador Álvaro de Quiroga mandou levantar a mediados do século XV. “Ademais do valor artístico deste monumento, é moi de destacar un fondo de extensas masas arbóreas de castiñeiros e carballos que fan do conxunto un enclave único no que se combinan o valor artístico co da natureza”, apuntou.

IMPORTANCIA PATRIMONIAL, HISTÓRICA E TURÍSTICA

Por todo elo, o deputado popular sinalou que “atopámonos ante un moi importante itinerario de interese cultural: un percorrido que aglutina unha serie de valores de grande importancia patrimonial, histórica e turística, pero tamén, merecedor do recoñecemento e dunha aposta decidida pola protección dos tesouros que alberga”.

En concreto, Camino Copa manifestou que esta iniciativa “ten unha tripla finalidade: a preservación e posta en valor do noso patrimonio, a través dun programa conxunto, nun itinerario que enlace os distintos puntos de interese; o impulso de novas iniciativas para a difusión de cada un dos emprazamentos e das súas pegadas artísticas e culturais; e a promoción, sinalización e identificación turística do seu percorrido”.