Monterroso, 25 de xuño de 2014.- O Partido Popular explicará nun boletín informativo, que será obxecto de reparto nas próximas datas en todo o municipio, os motivos polos que seguen esixindo ao Alcalde que Monterroso conte cunha residencia.
Os populares lembran que as novas instalacións, inauguradas recentemente, tan só teñen a consideración de vivendas comunitarias e explican que esta circunstancia resta moitas utilidades, entre elas, non poderán ser futuros usuarios aqueles veciños maiores ou dependentes con dificultades de mobilidade.
Desde o PP tamén queren dar a coñecer aos monterrosinos que ao non ter as novas instalacións a consideración de residencia o alcalde renunciou inexplicablemente a que se dispoña de apoios tan importantes como os de atención xeriátrica, enfermería e asistencia sanitaria integral ou tamén que se careza de persoal de atención directa e da presenza localizada obrigada de médicos durante as 24 horas.
Os populares poñen de relevo finamente que o alcalde non quixo corrixir os defectos que a inspección da Xunta detectou no centro, nin tampouco acometer as obras para mellorar as instalacións e convertelas nunha residencia, pese as peticións do PP nese sentido. Sinalan tamén as promesas incumpridas polo rexedor socialista Antonio Gato que no seu día mentiu cando asegurou que o novo centro si podería acoller a persoas dependentes.
MAIORÍA ABSOLUTA POPULAR
Por outra banda, os populares tamén aproveitaron o boletín informativo para agradecer o apoio outorgado polos veciños nas últimas eleccións europeas. O documento explica que, de extrapolarse estes resultados a unhas municipais outorgaríalles maioría absoluta, propiciando un cambio de Goberno. Aínda que os datos non son estritamente comparables si amosan unha tendencia importante de apoio ao PP e unha caída continuo de apoios aos socialistas.
URXE RETIRAR EN PLENO O PLAN ESPECIAL DO CASO HISTÓRICO
Os populares continúan traballando na responsabilidade de control da acción do equipo de goberno socialista e, por iso, aproveitan o boletín para repasar outras cuestións da actualidade municipal como son a obrigada rectificación do alcalde sobre o plan especial do casco histórico, alertando, en todo caso, que aínda está pendente a convocatoria do pleno para retiralo oficialmente, algo que urxe segundo os populares.
Para rematar tamén no boletín se analizan os últimos investimentos da Xunta como son, entre outros, preto de 60.000 para arranxo de camiños municipais, máis de 150.000 € programa incorporación mozos, máis de 41.000 € para benestar en 2013 ou as obras de adecuación da LU-212 de Taboada a Monterroso.