Partido Popular de Lugo

Besteiro comete un grave erro ao tomar como referente a Andalucía, cuestionada pola mala xestión e descontrol dos fondos públicos

Lugo, 25 de xuño de 2014.- O Grupo Provincial Popular (GPP) consideran que Jose Ramón Gómez Besteiro está a cometer un grave erro ao tomar como referencia para o deseño dos seus orzamentos participativos a Andalucía, unha comunidade autónoma –lembran- cuestionada desde distintas instancias xudiciais pola mala xestión e descontrol dos seus fondos públicos.

Os populares amosan a súa perplexidade e enorme sorpresa logo de coñecerse que a Deputación de Lugo presumía onte, no pleno provincial, de recibir o asesoramento do Goberno andaluz no deseño desta ferramenta orzamentaria, cando precisamente é un mal exemplo a seguir en todo este proceso.

O GPP adianta que estarán vixiantes para que a Deputación non desvirtúe o deseño dos orzamentos participativos que debera ser unha ferramenta que garanta maior transparencia e colaboración da cidadanía.

Os populares non disimulan a súa preocupación por este asunto e, sinalan como exemplo da falta de vontade e interese real do bipartito provincial o feito de que PSOE e BNG rexeitasen no día onte unha petición do Grupo Popular para mellorar esta ferramenta orzamentaria.

Máis en concreto, os populares non comprenden o veto de Besteiro que se negou a constituír unha mesa de traballo con políticos, técnicos, asociacións e veciños e a crear unha plataforma dixital pública na que cada colectivo ou cidadán de xeito individual puidera facer as súas suxestións, un instrumento que si funciona alí onde queren outorgar maior transparencia.

Estes feitos converten a actuación da Deputación nun exemplo máis de escurantismo detrás do que os populares sospeitan da existencia de intereses puramente electoralistas.

Os incumprimentos de Besteiro na elaboración dos orzamentos participativos son públicos xa que tiña prometido empregar este procedemento para este mesmo ano e non o fixo.