Partido Popular de Lugo

O PP defende a volta ao museo das pezas de Álvaro Gil pero insiste en que a Deputación suspende na súa xestión

Lugo 24 de xuño de 2014.- O grupo provincial do Partido Popular defendeu hoxe durante o transcurso da sesión plenaria que as pezas da colección Álvaro Gil regresen ao Museo provincial pero insiste en que “Besteiro e Outeiro suspenden na xestión levada a cabo”.

Os populares lembraron a cronoloxía dos feitos e explicaron que cando o presidente provincial accedeu ao goberno “tiñamos a colección completa no museo e incluso os contadores a cero”. A vía do contencioso administrativa en data 22/3/2007 inadmitiu a trámite os recursos de casación interpostos por ambas partes e a vía civil non se inicia ata o 18/12/2008.

“Besteiro que desapareceu durante todo o proceso, chega ao final para apuntarse o que el considera un bo tanto”, matizaron os populares, mentres a propia familia de Álvaro Gil en declaración aos medios aseguraba que non tiña unha palabra boa que dicir do socialista que puido solucionalo no 2008 sen poñer nin un só euro.

Polo tanto, a día de hoxe, o presidente provincial deixa un compromiso de 400 millóns de pesetas “para que o paguen os que veñan e a maiores sen a colección de pintura”

Falta de transparencia

Os populares tamén denunciaron a falta de transparencia nas negociacións posta de manifesto durante os últimos dous anos, ata o punto de que o Grupo Provincial do Partido Popular veuse na obriga de solicitar unha xunta de voceiros para ser informado; a maiores de serlle notificado o acordo no último momento.

Neste senso, os populares tamén censuraron o intercambio de desacreditacións e de descalificacións “ás que asistimos en prensa e que, sen dúbida, danaban a imaxe da institución e dicían moi pouco dun presidente pouco preocupado pola nosa cultura e que non estivo a altura das circunstancias”.

Puntualizacións que xustifican a abstención do GPP

Polo tanto, os populares manifestaron a súa alegría de que as pezas volvan ao museo pero “suspendemos a xestión de Besteiro, de Outeiro e do Equipo de Goberno”.

“Asistimos a un espectáculo circense nos medios de comunicación e a unha falta de coordinación entre o bipartidismo da Deputación”, matizaron os populares, e agora “atopámonos con que os lucenses teñen unha nova débeda”. “Demostramos con cifras que Besteiro multiplica o endebedamento por catro e segue comprometendo para que pague o resto”