Partido Popular de Lugo

Besteiro vota en contra da elaboración de orzamentos participativos para 2015

Lugo, 24 de xuño de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular censura que o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, votase en contra dunha iniciativa popular que pedía a elaboración dos orzamentos participativos para 2015.

Os populares cualifican de curioso o voto en contra por parte de socialistas e nacionalistas a iniciativas que din ter cumpridas e neste senso o GPP congratúlase de que as mocións rexistradas polos populares poñan a traballar ao socialista, José Ramón Gómez Besteiro, e lle lembren os grandes titulares que anunciou en prensa e que de xeito continuado incumpre.

Os populares fixeron estas declaracións tras o debate da iniciativa rexistrada polo GPP para que a Deputación Provincial de Lugo crease unha mesa de traballo que permitise deseñar un proceso de participación cidadá; e deste xeito, impulsase o anuncio de Besteiro do 23 de febreiro de 2013.

En concreto, os populares explicaron que o 23 de febreiro de 2013 o socialista anunciou os orzamentos participativos para a súa aplicación no 2014; un novo exemplo de anuncio incumprido, xa que posteriormente, o 5 de abril de 2014 propón o impulso deste instrumento de participación para o 2015.

Durante este ano, a Deputación non promoveu avances  neste senso e foi a raíz dunha pregunta rexistrada polos populares o 29 de maio de 2014, que o socialista iniciou avances neste proceso.

Os populares non cumpren a moción popular

O equipo de goberno da Deputación de Lugo negouse a crear unha mesa de traballo para deseñar e avanzar neste proceso de participación cidadá e cando menos é curioso que “a partir dunha iniciativa sobre a petición dunha plataforma dixital pública, digan agora que tiñan prevista promovela”.

Hospital San Xosé

Os populares tamén criticaron o voto en contra de doar material médico a asociacións sen ánimo de lucro, cando existen peticións de entidades sociais que non foron atendidas

Os populares matizan que na súa moción pedían un inventario específico con aqueles instrumentos sanitarios que reúnan as condicións necesarias para a súa posterior doazón a algunha entidade con fin social. Polo que dende o GPP pedirán por escrito a existencia deste inventario específico e non un no que se albergue todo o material existente no San Xosé.

A maiores, dende o GPP explican que o traballo non está feito tal e como aseguraron socialistas e nacionalistas cando existen peticións de entidades sociais que non foron atendidas.