Partido Popular de Lugo

PP de Rábade esixe coñecer día, hora e lugar de acceso ao rexistro municipal

Rábade 19 de xuño de 2014.- A voceira do PP en Rábade, María Luisa Macía, rexistrou esta mañá un escrito para que se determinen os días, o horario e as dependencias nas que os edís do Partido Popular poidan ter acceso ao libro do rexistro municipal.

A popular lembrou que a agrupación local solicitou o ano pasado, concretamente no mes de decembro, a intervención do Valedor do Pobo polos criterios que estableceu o rexedor de Rábade á hora de acceder ao rexistro, quen permitían a consulta dos libros de rexistro de entrada e saída, tan só unha vez ao ano, algo que entorpece o traballo do PP.

Logo de que o Valedor do Pobo avalase as denuncias dos populares, e despois de que Fernández Montes obedecese ás indicacións trasladadas pola institución de control da administración que preside José Julio Fernández, os populares queren saber día, hora e lugar para consultar o libro do rexistro municipal.

María Luisa Macía insistiu en que as circunstancias impostas por Fernández Montes converteron a Rábade nun concello excepcional posto que non existe outro municipio no que se obstaculice desta maneira a consulta periódica no rexistro vulnerando así o exercicio lexítimo de control da acción do Goberno local que teñen recoñecido os concelleiros da oposición.

A popular manifestou que as resolucións da alcaldía, limitando o acceso aos libros de rexistro entradas e saídas, carecen de fundamento xurídico, polo que infrinxen artigos da Constitución posto que estes permiten a participación cidadá a través dos seus representantes e e configuran esta prerrogativa como un dereito fundamental.

Concluíu María Luisa Macía volvendo a preguntar cal pode ser a intención do alcalde coa súa obsesión de evitar que se coñeza, supervise e controle a documentación, resolucións e distintos escritos que recibe o Concello no seu rexistro e sinalou a gravidade que supón que Fernández Montes incorra en comportamentos de evidente falta de transparencia.