Lugo, 18 de xuño de 2014.- A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou esta mañá que o Grupo Provincial do Partido Popular levará ao pleno provincial do vindeiro martes unha moción onde pedirá a Gómez Besteiro que deixe de utilizar os orzamentos participativos como mero anuncio e os faga realidade.
A popular lembrou o incumprimento de Gómez Besteiro, quen anunciou en febreiro de 2013 a elaboración duns orzamentos participativos para a anualidade 2014 e que un ano despois, e con este primeiro propósito sen cumprir, propón a posta en marcha desta ferramenta de participación cidadá para os presupostos de 2015.
“A día de hoxe e xa no mes de xuño, non nos constan avances importantes neste senso e que permitan que os orzamentos do 2015 sexan unha verdadeira mostra de participación cidadá”- afirmou Candia, quen informou que o seu grupo pedirá a Besteiro a creación dun plan de traballo concreto, con datas e actuacións reais para a elaboración dos orzamentos participativos.
A popular considera esencial a elaboración de orzamentos participativos, que permitan a participación dos cidadáns na xestión coa finalidade única de lograr unha maior transparencia, eficiencia e eficacia na xestión provincial; ao compartir entre representantes políticos, técnicos e veciños o debate sobre onde se vai gastar o diñeiro público.
Porén, os populares urxirán á creacción dunha mesa de traballo que deseñe un proceso de participación cidadá para a elaboración dos orzamentos participativos de 2015, coa implicación de responsables políticos, persoal técnico, entidades, asociacións e cidadáns de xeito individual.
Asemade, esixirán que se concreten as partidas orzamentarias que se poñen a debate para o proceso dos orzamentos participativos e o mecanismo que se seguirá para o desenvolvemento deste proceso, tales coma: o calendario de reunións cos cidadáns e asociacións e de asembleas de propostas, espazos de comunicación social ou proceso de decisións.
En paralelo ao deseño deste proceso, os populares pedirán tamén a Gómez Besteiro que a Deputación poña en marcha unha plataforma dixital pública, integrada na web da institución, que reúna información sobre os orzamentos, toda a información relativa ao proceso consultivo, ferramentas de formulación e de discusión pública de propostas.