O Valadouro, 17 de xuño de 2014.- Os populares do Valadouro repartirán un boletín informativo no que, a modo de balance do último ano de goberno, denuncian a mala xestión e os incumprimentos do tripartito municipal e sinalan que o Partido Popular segue a ser a opción que acada un maior apoio entre os veciños deste municipio, consolidando a súa sólida posición como alternativa de goberno.
Cando se ten cumprido un ano desde a moción de censura asinada por socialistas, nacionalistas e Udival, os populares do Valadouro queren facerse eco da sensación de retroceso e tempo perdido que, dun xeito crecente, están a trasladarlles os veciños do municipio á hora de xulgar a xestión levada a cabo polos actuais responsables do Concello.
O boletín consta de dúas partes, unha primeira na que dan conta da acción de control do Goberno local e unha segunda na que explican as medidas e actuacións desenvolvidas polo PP coa finalidade de dinamizar o municipio e responder ás inquedanzas e preocupacións dos veciños. Aseguran tamén que converter o boletín nunha publicación periódica e animan a todo aquel que queira colaborar ou achegar a súas suxestións a que o faga directamente aos concelleiros populares ou remitindo un correo ao enderezo.
XESTIONAN MAL O DIÑEIRO DOS VECIÑOS
No ámbito do balance da acción do Goberno os populares denuncian que o tripartito goberna para os intereses particulares e partidistas dos seus concelleiros en vez de facelo para o conxunto dos veciños. Así o demostran, por exemplo, cando xestionan mal o diñeiro público e, nese senso, lembran situacións xa denunciadas como as acontecidas durante a festa da troita –na que o Concello acabou perdendo diñeiro pese a cobrar as racións–, ou co baile de fin de ano –no o Concello gastou máis de 3.500 euros achegando tan só 300 ao fin benéfico co que se organizou–.
Pola contra os populares denuncian que o tripartito si tomou outras decisións no seu beneficio particular como cando o alcalde percibiu irregularmente unha dieta por trasladarse a unha mesa de contratación en Ourol ou a tenente alcalde do municipio instalou unha terraza na súa cafetería sen contar con licenza e incumprir os requisitos establecidos na ordenanza municipal, que si esixen ao resto dos veciños e comerciantes.
Os populares tamén fan un repaso dos compromisos que PSOE, BNG e Udival adquiriron cos veciños do concello e que non cumpriron nun 99% dos casos e atribúen este desinterese e falta de iniciativa na xestión dos asuntos municipais ás continuas friccións, desconfianzas e liortas internas que protagonzan estes partidos e, moi en particular, os que veñen de protagonizar os socialistas coa tenente de alcalde de Udival.
O PP UNHA ALTERNATIVA EN POSITIVO
No ámbito da alternativa en positivo que representa o Partido Popular do Valadouro, os populares sinalan as actuacións que se están a acometer 60.000 euros para a cuberta do Colexio Santa María, 118.000 euros para contribuír no financiamento dos servizos sociais ou o obradoiro de emprego en conxunto con Alfoz, que supuxo un investimento de 520.000 euros e permitiu a formación de 24 persoas.
Xestións en positivo que son valoradas pola veciñanza e de aí que O PP continúe a ser a opción que acada un maior apoio nas urnas, tras gañar tamén as eleccións europeas como xa aconteceu nas municipais. Ata tal punto é asi que, extrapolando os resultados e tan só un ano despois da moción de censura, hoxe sería inviable o pacto acadado entre socialistas, nacionalistas e Udival xa que os populares obterían maioría absoluta.