Xoves 12 de xuño de 2014.- A Xunta Local do Partido Popular analizou esta tarde os resultados das últimas eleccións Europeas no municipio de Lugo. A xuntanza ordinaria deste órgano estivo presidida polo responsable da Xunta Local Jaime Castiñeira e polo Presidente Provincial José Manuel Barreiro.
Ambos dirixentes destacaron na súa intervención que “os datos das Europeas merecen unha reflexión en profundidade que nos sirva para definir cales son as estratexias de traballo máis axeitadas para ilusionar co proxecto do Partido Popular aos lucenses”.
O Presidente Provincial José Manuel Barreiro amosou o seu convecemento de que pronto os cidadáns percibirán a melloría das decisións políticas que se veñen adoptando dende o goberno central para poder sacar ao país da situación na que o deixou o anterior goberno socialista.
Pola súa banda o responsable da Xunta Local destacou o papel dos colaboradores e afiliados do Partido e, nese senso, manifestou o seu compromiso de reforzar e abrir, aínda máis, a participación “dos que son a nosa voz na rúa”. Para iso os populares porán en marcha un plan de acción que ten por obxeto reforzar e explicar o seu proxecto en clave local.
O primeiro piar desta nova estratexia son as sesións de traballo que o Presidente local do PP está desenvolvendo “xa dende o día seguinte das Eleccións Europeas”. Estas xuntanzas con grupos reducidos teñen un dobre obxectivo: “por un lado analizar de forma exhaustiva os resultados de cada unha das mesas electorais do municipio e, por outro, pulsar a opinión de responsables de distritos, apoderados e interventores coa intención de corrixir e mellorar as estratexias de traballo”. Castiñeira afirmou que é fundamental coñecer de primeira man a opinión dos máis de 300 apoderados e interventores que cubriron as 104 mesas electorais.
Ambos dirixentes reivindicaron o papel do político na rúa e, precisamente, ese será o segundo eixo do plan de acción dos populares. O Presidente da Xunta local matizou “se queremos ser eficaces e actuar con sentido común temos que esforzarnos por dialogar e escoitar aos veciños”.
Os populares lembraron que no Concello de Lugo, o Partido Popular foi a forza maioritaria en 89 das 104 mesas electorais, en varias delas cunha porcentaxe de votos superior ao 50%. Asemade subliñaron que da comparativa dos resultados electorais o PP no concello de Lugo tivo os mellores resultados das sete grandes cidades.
O Presidente Provincial e o Presidente local matizaron que “entendemos a mensaxe das urnas por iso temos que esforzarnos aínda máis, temos que traballar aínda máis e temos que ser capaces de dar resposta ás demandas dos lucenses”.