Partido Popular de Lugo

Preto de 20 técnicos do sector agrogandeiro, alimentario e gastroturístico ven na comarca chairega unha de terra de oportunidades

Lugo, 7 de xuño de 2014.- O hotel Attica21 de Vilalba acolleu esta mañá o acto organizado por NNXX “presente e futuro na Terra Chá” no que preto de 20 expertos do sector agrogandeiro, alimentario e gastroturístico resaltaron a importancia destes sectores na comarca da Terra Chá.

O encargado de clausurar as xornadas foi o secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, quen resaltou o compromiso dos mozos e mozas populares con Galicia e a implicación cos sectores produtivos do medio rural, e por conseguinte, coa enorme riqueza de Galicia nos ámbitos agrogandeiro, alimentario e turístico.

Afirmou o popular que Galicia ten a alma no rural e lembrou que o 84% da súa superficie dispón desa condición.

“O sector  agrario emprega directamente a máis do 25% da poboación activa, está a actuar como elemento refuxio en tempos de crise e a súa actividade xera máis do 13% do PIB galego”- lembrou o popular,  quen engadiu as potencialidades capaces coas que conta este sector para  ofrecer alimentos sans e de calidade, protección medioambiental ou unha potente industria de transformación agraria e agroalimentaria, vinculada a servizos turísticos e sociais.

Balseiro mostrouse convencido de que a  Terra Chá ten presente e futuro e afirmou que non é casualidade que esta terra sexa exemplo de emprendemento e de iniciativas innovadoras na posta en valor dos seus produtos típicos.

“A capital  chairega é referente en Galicia pola elevada produtividade do sector agropecuario”- manifestou,  mencionando a continuación, o queixo de San Simón, o Capón de Vilalba, o Grelo de Abadín, a filloa de Muimenta, ou o leite, como produtos alimentarios de primeira calidade, e recoñecidos internacionalmente.

Dixo o popular que o clima, os pastos e o gando teñen unhas condicións excepcionais que, combinadas coa tradición, a elaboración artesanal e o mimo co que transforman cada unha das pezas, fan dos seus produtos alimentarios unha das maiores delicias que podemos atopar no prato.

Concluíu Balseiro manifestando que dende o Partido Popular “propoñemos afondar na formación e apoio ás empresas agroalimentarias e turísticas, atendendo a un reto cada vez é mais importante como é que as empresas poidan cooperar e abrirse aos mercados externos, internacionalizándose e exportando os seus produtos baixo unha mensaxe de calidade e seguridade que identifica aos produtos agroalimentarios de Galicia.