Partido Popular de Lugo

López Penabad: “nin con cartos, Suárez Barcia xestiona as súas competencias”

Ribadeo, 7-6-2014.- O presidente do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, arremeteu duramente contra o rexedor e tildou a Suárez Barcia de cara dura e desvergonza por queixarse do lamentable estado do xulgado de paz e enviar unha carta ao vicepresidente da Xunta cando é a Consellería de Alfonso Rueda a que está transferindo ao Concello de Ribadeo cantidades económicas para atender aos gastos de funcionamento e que o propio Suárez recoñece nun escrito.

SUÁREZ BARCIA QUÉIXASE DE VICIO

López Penabad lembrou que o edificio do xulgado de paz é de titularidade municipal e que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, destinou este ano 3.213,26 euros para facer fronte aos gastos de funcionamento de dita infraestrutura, polo que se pregunta qué máis quere o alcalde de Ribadeo.

O popular manifestou que o único que ten que asumir o rexedor é o pago das facturas da luz e lembrou que en dúas ocasións a Administración Autonómica requiriulle ao Concello de Ribadeo que asumise os gastos de luz e que procedese a cambiar a titularidade do contrato de suministro posto que se trata dun edificio de titularidade municipal.

López Penabad pregúntalle ao rexedor onde meteu e a qué adicou as cantidades económicas que a Xunta de Galicia lle transferiu durante todos estes anos, porque a Administración Autonómica malia a solicitarlle ao Concello que asumise as súas competencias seguía pagando as facturas do xulgado de paz de Ribadeo e mais transferindo as cantidades asignadas ao Concello para o mantemento do xulgado.